Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación acláralles aos Concellos dúbidas do Plan Único para que presenten os seus proxectos

dario campos2-plan unicoLugo, 19 de abril de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, convocou para este mércores un encontro cos Alcaldes da provincia no que aclararlles todas as súas dúbidas sobre o Plan Único, pois os Concellos poden presentar os seus proxectos ata o 2 de maio incluído. Campos Conde puxo a disposición dos Rexedores os técnicos provinciais para resolver todas e cantas cuestións poidan xurdir e explicou que en www.deputacionlugo.gal teñen toda a documentación sobre o plan.

Campos Conde apuntou que despois do 2 de maio, os técnicos provincias avaliarán os proxectos e memorias que presenten os 67 Concellos. Feito isto, comunicaráselles aos municipios os posibles erros administrativos e abrirase un prazo de 10 días para a súa subsanación. O obxectivo do Goberno Provincial é levar en maio a Pleno a aprobación do conxunto de iniciativas, dotadas de 20 millóns de euros, para a súa execución. O Presidente decidiu ofrecer aos Concellos un anticipo do 80% dos fondos totais que lles corresponden co obxectivo de inxectar canto antes un total de 16 millón de euros cos que reactivar a economía da provincia e pontenciar o emprego e o benestar.

Distribución de fondos
O Executivo da Deputación deseñou un Plan Único de 20 millóns de euros, que o Presidente decidiu distribuír nos 67 Concellos da provincia en base aos criterios obxectivos aprobados por unanimidade na FEGAMP: superficie, poboación, entidades de poboación e índice de envellecemento. Campos Conde establecu un mínimo de 150.000 euros e un máximo de 500.000 euros por Concello para que os fondos cheguen en condicións xustas aos veciños. En base a isto, os municipios de Negueira de Muñiz e Rábade, que son de menos poboación e superficie na provincia, reciben preto de 190.000 euros; e os de Monforte de Lemos, Sarria, Vilalba, Lugo e Viveiro, con máis veciños e extensión, 500.000 euros.

Un mínimo do 70% para investimentos, emprego e servizos sociais
O Presidente tamén fixou que como mínimo a metade dos fondos que reciba cada municipio teñen que destinarse a novos investimentos, así como que deben achegar, cando menos, a mesma cantidade do ano pasado para o POS, o DEPUEMPREGO e o SAF. Con estas medidas, o Goberno Provincial garante que como mínimo máis do 70% dos 20 millóns de euros do Plan Único sexan para investimentos, emprego e benestar. Pois os 67 Concellos destinarán polo menos 10 millóns a investimentos e 4,5 millóns de euros ao SAF e DEPUEMPREGO.

Campos Conde explicou que “facemos isto porque os nosos obxectivos son reactivar a economía da provincia, favorecendo novos investimentos e non novos gastos correntes; e potenciar as infraestruturas, o emprego e o benestar no rural. Queremos que os fondos públicos da Deptución para este plan repercutan e beneficien a quen o ten que facer: aos máis de 300.000 lucenses da nosa provincia”.

Ao respecto dos gastos correntes, nos que se inclúe o SAF e DEPUEMPEGO, ao seren fondos para a contratación de persoal; o Executivo Provincial establece que os investimentos para actividades culturais e deportivas non superen os 8.000 euros e os dirixidos a feiras e festas, os 6.000. Hai unha excepción, pois no caso de que os Concellos teñan recibido unha cantidade maior no 2016, poderán achegar o mesmo. Tamén hai limitacións, xa que o Goberno da Deputación decidiu non financiar actividades que empreguen animais non domésticos para exhibicións ou comercializacións; espectáculos como touradas ou circos; ou eventos nos que se faga un uso sexista da indentidade sexual ou con connotacións pexorativas da identidade de xénero.

Exit mobile version