Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación garante a celebración da Liga Provincial de Piragüismo cunha achega de 20.000 euros

IMG_1362Lugo, 25 de abril de 2017. O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea García, e o Presidente do Club Cidade de Lugo, Martín Carballo Méndez, presentou a VII Liga Provincial de Piragüismo, que terá lugar entre os meses de abril e setembro, nos Concellos de Lugo, Ribadeo, Cervo e Viveiro.

O organismo provincial apoia a celebración deste evento deportivo cunha achega económica de 20.000 euros para promover o deporte base, ademais de desestacionalizar o turismo e incentivar a economía nos diferentes municipios nos que terán lugar as seis probas das que consta a competición, organizadas polos seis clubes que participan nela, é dicir: Club Fluvial, Club Cidade de Lugo, Club Piragüismo Altruan, Club Deportivo San Ciprián, Club Piragüismo Viveiro, Club Kayak de Foz.

Rivera Capón subliñou que “a Liga Provincial de Piragüismo é un dos principais eventos deportivos do ano. Non en vano, cada proba logra reunir de media a uns 250 participantes, non baixando nunca dos 180 palistas, aos que hai que sumar familiares e espectadores, o que da boa conta da relevancia desta competición para a nosa provincia”. O responsable de Deportes lembrou que “o compromiso da Deputación con este deporte é firme, posto que coñecemos a relevancia e a traxectoria do piragüismo lucense. Por iso, ao longo do ano apoiamos a celebración de campionatos e probas como a Liga Provincial ou a Travesía de Foz”.

Categorías e calendario de regatas
As embarcacións de todas as probas son individuais, tanto K1 coma C1, e participan as categorías veterano, sénior, xuvenil, cadete, infantil A, infantil B, alevín A, alevín B, e benxamín, tanto masculinas como femininas.

As probas teñen lugar sobre un percorrido de 5.000 metros para as categorías de veteranos, sénior, xuvenil, cadete con un tempo de control de 5 minutos, de 3.000 metros para categorías infantil A e infantil B con un tempo de control de 5 minutos, e 1.500 metros para alevín A e alevín B con un tempo de control de 5 minutos, e benxamín con un tempo de control de 9 minutos.

O calendario de regatas é o seguinte:
30 de abril – 1ª Regata Provincial Club Fluvial (Lugo)
7 de maio – 2ª Regata Provincial Club Cidade de Lugo (Lugo)
11 de xuño – 3ª Regata Provincial Club Piragüismo Altruan (Ribadeo)
5 de agosto – 4ª Regata Provincial Club Deportivo San Ciprián (San Ciprián)
20 de agosto – 5ª Regata Provincial Club Piragüismo Viveiro (Viveiro)
10 de setembro – 6ª Regata Provincial Club Kayak de Foz (Foz).

Apoio ao piragüismo
O organismo provincial realiza unha achega anual de 200.000 euros aos diferentes clubs lucenses para os gastos da tempada. A estas axudas concedidas ao Club Deportivo San Ciprián, Club Piragüismo Cidade de Lugo, Club Fluvial de Lugo, Club Kayak de Foz, Club Piragüismo Viveiro, Club Piragüismo Altruan e Club Montaña Quixós, súmase a subvención de 100.000 euros para a construción dun novo hangar de piraguas en Foz, así como aos 85.000 euros que o Executivo Provincial comprometeu a estas entidades para ao 2017.

Este último orzamento é para que sexan os propios clubs os que directamente xestionen a escola de piragüismo de titularidade provincial, para contratación de máis monitores de adestramento, adquisición de novo material técnico, así como para a promoción do piragüismo no conxunto do territorio lugués, con campañas divulgativas que se levarán, por exemplo, aos centros educativos.

Exit mobile version