Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno retoma o Movémonos, o programa deportivo, saudable e social da Deputación

movemonosLugo, 28 de abril de 2017.O Presidente, Darío Campos Conde, informou este venres que a Xunta de Goberno iniciou a contratación do Movémonos, o programa deportivo, saudable e social da Deputación. Campos Conde destacou que “retomamos o Movémonos da Deputación, ao que destinamos 119.000 euros para este ano e o 2018. Incorporamos a este contrato cláusulas sociais en defensa dos traballadores e das persoas con capacidades diferentes. Deste xeito, o adxudicatario deberá contratar a un mínimo de 14 profesionais que non poderán recibir menos de 15 euros por hora de traballo”.

“Isto supón que melloramos as súas condicións salariais con respecto ao convenio do seu sector que é o de instalacións deportivas e ximnasios. Este implica 6 euros por hora e nos establecemos 15 euros por hora”, destacou.

Serán case 8.000 horas de actividades dirixidas a asociacións de todos os Concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes, ou a colectivos con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social dos 67 municipios.

O Titular Provincial apuntou que “queremos deste xeito e como vimos facemos, favorecer o rural da provincia e a igualdade de oportunidades, dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas, rural e social”.

No Movémonos poderán participar máis de 80 colectivos aos que o Goberno Provincial financia, na súa totalidade, clases de ximnasia ou mantemento, entre outras. É dicir, as accións terán custe cero para os seus participantes. O ano pasado, participaron outras tantas asociacións con 1.300 veciños.
Melloras en dotacións públicas
A Xunta de Goberno aprobou novas obras de mellora en dúas estradas provinciais no Concello de Ribas de Sil. Son o acondicionamento dun treito de case 900 metros na LU-P-5301; e de 350 metros na LU-P-5303.

Actualmente, o Goberno da Deputación está a arranxar a LU-P-5303. De feito, estas novas obras poden facerse grazas ás melloras presentadas pola adxudicataria, que permiten completar o arranxo da LU-P-5303, de San Clodio por Torbeo; e acondicionar un treito da LU-P-5301. O orzamento destes novos traballos inclúese dentro dos case 360.000 euros, que xa achegamos ás obras que estamos a executar na LU-P-5303.

A Xunta de Goberno aprobou a ampliación do prazo de execución de obras no Concello de Mondoñedo a petición deste municipio. Trátanse dos traballos de rehabilitación da casa museo de Álvaro Cunqueiro, que contan con 308.000 euros da Deputación.

Exit mobile version