Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo popular subliña que o servizo de gardacostas é absolutamente público, xestionado pola administración e operado por unha empresa privada

Santiago, 28 de abril de 2017.- O deputado do Grupo Popular Daniel Vega subliñou hoxe no Parlamento que o Servizo de Gardacostas de Galicia “é un servizo absolutamente público; xestionado, dirixido e coordinado pola Xunta de Galicia; e operado por unha empresa privada”.

Daniel Vega lembrou que “foi o goberno bipartito de socialistas e BNG o que fixo a contratación en 2006 da xestión dos medios marítimos da Xunta, mediante o que os buques adscritos ao Servizo de Gardacostas están a ser xestionados a través dunha empresa”.

ATA 25 ANOS

O contrato asinado naquel momento tiña unha duración de dous anos e xa contemplaba a posibilidade de prórroga por períodos de duración igual ou inferior á do contrato inicial, cunha duración máxima conxunta que non podía exceder os 25 anos. “Nada ten cambiado desde entón, pero se vostedes consideran que non é un servizo público puidérono modificar mentres gobernaron na Xunta”, indicou a socialistas e nacionalistas o deputado popular.

Así mesmo, Daniel Vega negou que o contrato se prorrogue indefinidamente. “Os contratos se renovan cada seis meses ou cada ano segundo os casos e teñen unha duración máxima de 25 anos, tal e como figura legalmente establecido no contrato asinado durante o goberno bipartito”, explicou.

O deputado popular destacou, ademais, que “Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun servizo de gardacostas destas características de xeito complementario ao salvamento marítimo prestado pola Administración do Estado”. Neste sentido, lembrou que este servizo galego foi posto en marcha durante o Goberno de Manuel Fraga e está considerado como de vital importancia para o sector pesqueiro e o conxunto da sociedade.

Exit mobile version