Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Provincial do PP pídelle a Campos que aclare cómo xestionará a Deputación as residencias de maiores e acúsao de seguir bloqueando a súa apertura

Lugo, 20 de abril de 2017.- O Grupo Provincial do PP pídelle ao socialista Darío Campos que aclare cómo xestionará a Deputación de Lugo as residencias de maiores e acúsao de seguir bloqueando a súa apertura.

Tras as declaracións do presidente de hoxe nas que sostén que se está a avanzar na construción dos centros de Meira e Navia de Suarna, os populares pídenlle que deixe de boicotear a entrada de funcionamento destes centros, que é o que fai ao seguir bloqueando a inscrición de Suplusa no Rexistro Único de Entidades Prestadora de Servizos Sociais (RUEPSS), o que impide a apertura das residencias na nosa provincia.

Os populares insisten na contradición na que está inmerso o Goberno provincial, quen por un lado segue construíndo os centros e inxectando fondos, e por outro non os quere xestionar nin facer os trámites oportunos, chegando a defender incluso que non teñen as competencias relacionadas co seu funcionamento.

Tras os investimentos millonarios que xa se levan realizado, desde o PP esixen que as residencias se poñan en marcha canto antes, resolvendo para elo as trabas que desde o Goberno provincial están a pór para a súa apertura, pese a que moitas delas están listas para iniciar a actividade.

Insisten en que, despois da inseguridade creada e de pegar paus de cego, é o momento de que o Goberno provincial defina o modelo de xestión que vai aplicar e non sigan privando á provincia das residencias de maiores.

67 traballadores á espera
O Grupo Provincial do PP recorda ademais que a incapacidade do Goberno provincial para definir un modelo de xestión e inscribir a Suplusa no RUEPSS prexudica non só aos concellos da provincia nos que se teñen construído as residencias, senón tamén ás 67 persoas seleccionadas no ano 2015 para traballar nestes centros e que seguen “á espera”.

Exit mobile version