Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo presentou unha nova moción para solicitar que o Concello tramite a declaración de interese turístico galego para a Festa das Cruces que se celebra en A Ponte (Arante)

Ribadeo, 27 de abril de 2017. O Partido Popular de Ribadeo presentou hoxe, xoves, unha nova moción para solicitar que o Concello tramite a declaración de interese turístico galego para a Festa das Cruces que se celebra en A Ponte, na parroquia de Arante.

A iniciativa foi rexistrada na Casa do Concello polo portavoz municipal dos populares, Jesús López Penabad, quen explicou: “vimos de presentar esta mañá unha moción sobre a festa da Ponte de Arante. Dixéramos no seu momento que era unha proposta que presentábamos a iniciativa dos veciños desa localidade. E agora o goberno municipal quere xuntar a todos os portavoces municipais cos veciños implicados no festexo e relacionados coas publicacións que hai sobre A Ponte. O Partido Popular levou a pleno outra moción sobre este asunto e sorprendentemente o resto da oposición abstívose e o goberno municipal votou en contra, pero agora vemos que queren levalo adiante. Pois ninguén está máis interesado que nosoutros, polos propios veciños, e esta é a razón pola que presentamos de novo esta moción para que se leven a cabo os trámites para poder conseguir que a festa da Ponte de Arante sexa declarada de interese autonómico”.

Jesús López Penabad engadiu que esta declaración “suporá unha axuda económica para a comisión de festas e ademais é un recoñecemento que consideramos xusto para un festexo con moita tradición non só para o municipio de Ribadeo senón tamén para tres parroquias do concello veciño de Trabada, que se xuntan alí nun luns alegre e feliz, conmemorando unha gran fazaña que ocorreu no século XIX naquela paraxe da Ponte de Arante”.

Exit mobile version