Site icon Crónica3.com A Mariña

Os días 20 e 21 de maio terá lugar en Burela un curso de formación de guías locais, que foi presentado este venres. A inscrición estará aberta do 1 ao 16

280417 Foto guias locais BurelaBurela, 28 de abril de 2017. O Concello organiza un curso de formación de guías locais que se celebrará dos días 20 e 21 de maio. A inscrición estará aberta do 1 ao 16. O curso foi presentado esta mañá polos concelleiros de Medio Ambiente e Turismo, Noelia Mª Ben e Ramiro Fernández Rey, que estiveron acompañados por Francisco Canosa, un dos poñentes, que é licenciado en Xeoloxía pola Universidade de Salamanca e doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo.

Os edís explicaron que “o curso está organizado con fondos da Unión Europea destinados aos Grupos de Acción Costeira e será o 20 e 21 de maio”.

Ben e Fernández indicaron que “o que queremos é formar aos guías locais no ámbito xeolóxico, biolóxico e arqueolóxico para sensibilizar, poñer en valor e dar a coñecer o patrimonio natural e cultural que temos en Burela. Vai dirixido a todas as persoas con inquedanzas sobre a natureza, o patrimonio, o turismo, a riqueza biolóxica ou xeolóxica que queiran seguir aprendendo e formándose e teñan interese en traballar como guías locais”.

Os concelleiros de Turismo e Medio Ambiente engadiron que “a duración será de 16 horas divididas en parte teórica o sábado e práctica o domingo. Será pola mañá e pola tarde e hai un total de 20 prazas. As inscricións faranse na Oficina de Medio Ambiente de Burela, no antigo edificio da Capitanía, ou mediante correo electrónico á dirección gaia@burela.org do día 1 ao 16 de maio. A parte teórica do curso desenvolverase na Casa da Xuventude, que está na rúa da Igrexa, e a práctica farase por distintos lugares de interese de Burela”.

Como poñentes participarán: Francisco Canosa, Laura Carquijero, Manuel Miranda e Begoña Romo.

Exit mobile version