Site icon Crónica3.com A Mariña

Recoñecementos ao traballo desenvolvido polo GALP A Mariña-Ortegal

IMG-20170322-WA0013Viveiro 23-4-17. O GALP A Mariña-Ortegal, como entidade colaboradora da Consellería do Mar na xestión dos fondos FEMP 2014-2020, está desenvolvendo o traballo de implementación da súa Estratexia co fin de conseguir un desenvolvemento sostible dos seus pobos pesqueiros, dende o ano 2009 (antes GAC A Mariña-Ortegal).

Ademais de buscar e seleccionar iniciativas que encaixen na súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), elaborando cada ano unha proposta de proxectos que eleva á Consellería do Mar para a súa aprobación e financiamentos dos mesmos, tamén leva a cabo actividades de animación e sensibilización dirixidas a todo o seu ámbito territorial, como por exemplo a campaña de sensibilización que ven desenvolvendo dende hai varios anos entre os escolares dos centros educativos do seu territorio e de fora del, “MARES DE CULTURA, os Nenos e o Mar” http://maresdecultura.es/
Xa no período anterior de Fondos Europeos FEP 2007-2013, foi recoñecido o seu traballo elixindo un dos proxectos produtivos financiados polo mesmo, “Conservas Artesanas Curricán”, promovido pola empresa Conservas Artesans Curricán, S.L., como un dos 42 mellores entre 10.000 proxectos de desenvolvemento local financiados polos GALP, no apartado de “incremento de valor engadido”, sendo exposto por unha das súas promotoras no Seminario Sailing Towards 2020, que se celebrou en Bruxelas; ademais entre estes 42 proxectos foi seleccionado neste mesmo Seminario como o mellor proxecto europeo a nivel económico. Este mesmo proxecto foi recoñecido tamén como unha “Boa Práctica” a nivel europeo

Neste novo período 2014-2020, no primeiro trimestre deste ano, o GALP A Mariña-Ortegal tamén foi seleccionado a nivel europeo para expoñer un dos proxectos non produtivos financiados polo mesmo no ano 2013, como exemplo de inclusión social: “Curso de formación para reparación e recuperación de envases plásticos de industria pesqueira e outros”, promovido pola Asociación de Pro Minusválidos do Ortegal (ASPROMOR). A iniciativa foi exposta polo Presidente do GALP no último Seminario Transnacional, celebrado o mes pasado en Letonia; este proxecto tivo moi boa acollida entre os participantes e foi seleccionado como unha “Boa práctica”, que será exposta na páxina de FARNET proximamente.

Ademais, dentro das actividades de animación, o Grupo recibiu varias visitas doutros GALPs para o intercambio de boas prácticas, por exemplo: de Galicia, de Cantabria, de Italia… tamén recibiu o ano pasado a visita de dúas representantes da Rede Española de Grupos de Pesca, que viñeron coñecer in situ as iniciativas mais relevantes financiadas polo GALP e cómo era o funcionamento diario do Grupo, co fin de elaborar unha reportaxe, que foi publicada no Boletin En Red, nº 2, e que serviu para darlle mais visibilidade ao Grupo.

Esta vindeira semana, o GALP vai recibir a visita de dous representantes de FARNET (Fisheries Areas Network), que é a Unidade de Apoio dos Grupos de Pesca Europeos perante a Comisión Europea, e que ten a súa sede en Bruxelas. Os visitantes chegarán o luns 24 arredor das sete da tarde e serán recibidos polo Presidente e a Xerente do GALP no Arquivo Histórico da Confraría de Pescadores de Burela. Os días 25 e 26, serán acompañados pola Xerente do Grupo e visitarán os proxectos mais relevantes financiados polo mesmo en todo o territorio, tanto no período anterior FEP 2007-2013, como neste novo período FEMP 2014-2020; así mesmo detallaralles como é o funcionamento e o sistema de traballo do mesmo dende o inicio da súa actividade ata a actualidade. O obxectivo desta visita é obter a suficiente información para elaborar unha reportaxe que será incluída dentro do próximo número do Magazine FARNET, concretamente na sección “Un año en la vida de un GALP”, o que lle dará mais visibilidade ao Grupo a nivel europeo e servirá como exemplo para outros GALP de Europa.

A nivel nacional, cabe destacar tamén que o GALP foi seleccionado para participar como relator na “Xornada de Turismo, Natureza, Pesca e Acuicultura”, que terá lugar o vindeiro 12 de maio en Madrid e que está organizada pola Fundación Biodiversidad en colaboración coa Rede Española de Grupos de Pesca. Esta Xornada persegue poñer de manifesto as oportunidades existentes para o reforzo de iniciativas de turismo pesqueiro, mariñeiro e acuícola, con vistas á consolidación e creación de novos empregos verdes, a xeración de novas vías de ingresos vinculadas á pesca e á acuicultura e a sensibilización de toda a sociedade acerca da necesidade de protexer e conservar a nosa biodiversidade e o noso patrimonio natural, para que as xeracións futuras podan seguir disfrutando del. Nesta Xornada falarase, entre outras cousas, dos GALP como dinamizadores do desenvolvemento turístico pesqueiro e acuícola e levarase a cabo unha mesa redonda na que se tratará o tema “O papel dos GALP”, na que a Xerente do GALP A Mariña-Ortegal fará unha presentación das iniciativas turísticas na EDLP de dito Grupo (http://www.observatorio-acuicultura.es/comunicacion/agenda/jornada-turismo-naturaleza-pesca-y-acuicultura), destacando tanto os Obxectivos Estratéxicos dirixidos a estás liñas subvencionables como as iniciativas xa financiadas e as seleccionadas para financiar nesta nova convocatoria.

Así, o GALP A Mariña-Ortegal espera poder seguir apoiando iniciativas que sexan beneficiosas para o desenvolvemento económico do seu territorio e anima a toda a comunidade a informarse sobre as axudas e solicitar financiamento para os proxectos que teñan en mente.

Exit mobile version