Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo sufriu este martes arredor dunha ducia de cortes de luz. O Alcalde asegura que “isto é intolerable” e pídelle á Xunta que tome medidas contra as eléctricas por non garantir o servizo

Ribadeo, 25 de abril de 2017. Ribadeo sufriu esta mañá arredor dunha ducia de cortes no subministro eléctrico e foron moitos os veciños e veciñas que se dirixiron ao Concello para facer chegar o seu malestar e preocupación por un problema que se repite con moita frecuencia. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que “isto é intolerable” e que non lle valen “xustificacións inxustificadas” por parte da compañía eléctrica que opera na comarca.

O rexedor quixo “transmitir a nosa preocupación, pero sobre todo o noso cabreo e a nosa indignación por esta situación, con respecto ao subministro eléctrico, que temos que vivir de maneira endémica desde hai moito tempo, pero sen xustificar a práctica totalidade das veces, porque si cando chove moito ou hai unha treboada ou inundación, cando se produce unha circunstancia de causa maior todo o mundo entende que a luz se poida marchar”.

Suárez Barcia entende que “nas circunstancias, como as desta mesma mañá, que en catro horas se foi a luz mais dunha ducia de veces en moitos sitios, a xente está a chamar ao Concello para pedirnos explicacións, cando nos non somos os que damos o subministro eléctrico. A xente nos está a chamar para facernos chegar a súa situación de impotencia. No centro de saúde teñen un auténtico lío, hoteis cunha chea de xente dentro e totalmente desmontados os sistemas informáticos, edificios cos ascensores bloqueados con xente dentro”.

O alcalde ribadense seguiu a relatar: “e non soamente estes exemplos, poderíamos dicir moitos máis como que temos moitos problemas cos bombeos do saneamento municipal, que teñen que bombear toda a auga residual para a depuradora e cada vez que a luz se vai desármase toda esa maquinaria eléctrica e acaba aliviando e indo ao mar, e iso non é xusto, porque os bombeos funcionan ben e o Concello e a concesionaria nese aspecto estano a facer ben, pero senón temos un subministro eléctrico continuo e axeitado se producen estas circunstancias. E iso é intolerable, intolerable para as compañías eléctricas, a nosa a que opera nesta zona, é intolerable. Non me serve ningún tipo de xustificación inxustificable, isto non é que non haxa unha subestación eléctrica aínda construída, é que non pode ser que porque estea a barruzar se vaia a luz de maneira sistemática”.

Fernando Suárez pídelle á Xunta de Galicia “como organismo responsable do control e da tutela que fan estes servizos de adhesión e básicos como son os eléctricos, que tome medidas contra estas empresas… menos portas xiratorias para dar cabida aos que indignan a política día a día como vemos e mais atención aos tendidos eléctricos e aos usuarios, que sempre son os que pagan o pato destas irresponsabilidades”.

Exit mobile version