Balseiro visitou en Xove as obras executadas ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal, cun investimento de 59.488 euros, que supuxeron o arranxo de vías de acceso a parcelas agrarias dos núcleos de Labradela e Carballás. Estivo acompañado polo alcalde do municipio, Demetrio Salgueiro.
No caso de Labradela, a Consellería do Medio Rural actuou sobre un tramo de preto de 1,3 quilómetros de lonxitude, cunha anchura variable de entre 4 e 4,30 metros. En Carballás reparouse tamén un camiño de 820 metros cun ancho de entre 2,80 e 4 metros. En ambos casos as actuacións consistiron na substitución do pavimento -con aglomerado en quente-, a mellora da drenaxe e a limpeza de cunetas, así como o pintado e marcado das vías.
O Plan Marco, que terá continuidade este ano, recolle como obxectivo principal ampliar, mellorar ou manter os camiños municipais que faciliten o acceso a explotacións agrarias, o que incide nunha maior comodidade para os traballos agrícolas e tamén nunha maior seguridade para o tráfico en xeral. Por elo, apuntou Balseiro, “é importante tanto desde o punto de vista agrogandeiro como social”.
Durante o pasado ano, segundo explicou o delegado, este programa achegou un investimento de máis de 900.000 euros nos concellos da Mariña. “O obxectivo xenérico deste plan, que se complementa co amplo conxunto de iniciativas que desenvolve a Xunta no medio rural, é mellorar as condicións de vida dos residentes e atraer á poboación nova” afirmou.