Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería do mar investiu nun ano 1,2 millóns de euros en proxectos económicos e sociais a través do GALP Mariña Ortegal

240517BombonsMorenoRibadeo (Lugo), 24 de maio de 2017.- A Consellería do Mar leva investidos no último ano 1.281.000 euros en 18 proxectos de índole económica e social impulsados a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Mariña Ortegal.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a empresa Bombóns Moreno, que foi unha das beneficiadas por este programa de axudas. O delegado coñeceu as instalacións e as novas liñas de produción da man da propietaria da firma, María José Ríos, acompañados pola xerente do GALP, Mar López-Leitón, entre outros.

Balseiro explicou que está en marcha unha nova convocatoria de axudas ao abeiro do convenio plurianual que manteñen a Consellería do Mar e o GALP Mariña Ortegal, polo que a primeira destina máis de 7,6 millóns de euros para a execución da estratexia aprobada para esta zona.

O pasado ano obtiveron financiamento 14 proxectos produtivos e 4 non produtivos. A empresa de bombóns ribadense figura entre os primeiros, xunto con outros negocios do sector turístico na Mariña, un almacén frigorífico de peixe e cetaria de mariscos en Rinlo, ou a ampliación da produción de xeo na lonxa de Burela, entre outros.

No apartado de investimentos non produtivos, subvencionáronse, entre outros, o proxecto O Vicedo, historia e cultura mariñeira, do concello e a ACIA do Vicedo, e aos concellos mariñáns de Ribadeo e Burela para desenvolver, xunto co de Cedeira, o proxecto Entre arcos e acantilados.

Balseiro lembrou que neste momento está en tramitación a convocatoria correspondente ao 2017, da que sairán novos proxectos financiados a través deste programa de axudas.

Os GALP dan continuidade ao traballo desenvolvido dende os GAC, que desempeñaron un importante papel como xestores de multitude de proxectos que incidiron na mellora económica do noso litoral. Estas organizacións son entidades sen ánimo de lucro de carácter supramunicipal promovidas pola Unión Europea, formadas por axentes tanto públicos como privados das oito zonas de actuación constituídas. Traballan co fin de mellorar a capacidade organizativa do sector pesqueiro, crear emprego arredor deste colectivo, fomentar a diversificación para os profesionais do mar e conservar e valorizar o patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro, entre outras cuestións.

Exit mobile version