Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación de Pontevedra e o concello de Alfoz abren liñas de colaboración para a posta en valor da figura de Pardo de Cela

20170519_131438_resizedPontevedra, 20 de maio de 2017. A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva comprometeuse hoxe co tenente de alcalde de Alfoz, Xabier Pardiñas, para que o cadro do Mariscal Pardo de Cela, instalado na Sala de Xuntas do Pazo Provincial, poda ser exposto na vila lucense “sempre e cando non existan problemas técnicos que o desaconsellen”

O Mariscal foi señor das terras de Alfoz polo século XV e nesta localidade mantense vestixios da súa vida no Castelo de Castrodouro, aínda que a única imaxe que existe de Pedro de Pardo de Cela é o cadro exposto na Deputación de Pontevedra. De feito, Carmela Silva subliñou hoxe que o cadro do Mariscal preside todos os venres a xunta de goberno xa que se atopa fronte a mesa na que reúnese o goberno provincial .

Tras o encontro con Xabier Pardiñas, a Presidenta subliñou que a Deputación e o Concello de Alfoz van establecer unha canle de colaboración institucional para realizar actuacións conxuntas para poñer en valor a figura deste Mariscal que “é de Alfoz pero que pertence a toda Galicia. E para que, ademais, toda a provincia de Pontevedra coñeza que nesta sala da Deputación está a única imaxe de Pardo de Cela”.

Silva recordou que Pardo de Cela é un dos protagonistas da historia de Galicia “xa que foi un dos nobres que resistiu fronte os Reis Católicos que Galicia caera baixo o seu xugo aínda que finalmente así aconteceu. Pardo de Cela foi un home que defendeu a autonomía de Galicia”.

O cadro de Pardo de Cela foi pintado por Manuel Angel Álvarez, natural de A Guarda, e doado por el á Deputación de Pontevedra, no ano 1883, a cambio dunha beca de 1.000 pesetas para realizar estudos en Madrid e Florencia. Foi presentado na Exposición do Ministerio de Ultramar, inaugurada polos Reis de España e Portugal en Madrid, titulando a obra “El Mariscal Pedro Pardo de Cela”. Precisamente con este feito, Silva subliñou que a partir de esa bolsa para Manuel Angel, se crearon na Deputación as axudas para a formación dos pintores que puideron desfrutar Laxeiro, Colmeiro ou Maside.

Por último a Presidenta comprometeuse a realizar unha viaxe a Alfoz para coñecer o Castelo de Castrodouro, outro dos vestixios do Mariscal, que ademais está reflexado no cadro.

O tenente de alcalde de Alfoz, Xabier Pardiñas, que entregou á Presidenta unha “belísima réplica do Castelo”, agradeceu o recibimento de Carmela Silva e o seu compromiso para explorar algunha posibilidade de que o cadro poda saír da Deputación de Pontevedra para que os seus veciños e veciñas podan ver esta imaxe do Mariscal Pardo de Cela.

Exit mobile version