Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta autoriza un novo parque do concurso eólico nos concellos lucenses de Trabada, Riotorto,A Pontenova, Lourenzá e Mondoñedo

Compostela 4-5-17. A Xunta autorizou o parque éolico Cadeira, que estará localizado nos concellos lucenses de Trabada, Riotorto, A Pontenova, Lourenzá e Mondoñedo. Trátase dunha nova instalación, enmarcada no concurso eólico galego, que suporá un investimento de 22,7 millóns de euros e que contará cunha potencia total de 18 MW a través da instalación de 6 aeroxeradores.

Con este novo parque na provincia de Lugo, que alcanzará unha produción aproximada de enerxía anual en torno a 58.000 MWh, o Goberno autonómico suma 24 parques do concurso aprobados, tras as autorizacións dos eólicos de Acibal, Mondigo, Faro, Cernego, Pico Seco, Friol, Paraño Oeste, Xinzo Norte, Chan do Eixo, Ourol, Tenzas do Aire, a primeira fase de Monte Arca, Cordal-Ousá, Orrea, Alto da Telleira, Campo Pequeno, Carracedo, Coto de Frades, Olerón, Neda, Figueiras, Serra do Faro e A Pastoriza, acadando un total de 582,5 MW e un investimento de case 740 millóns de euros.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria segue a apoiar un modelo de desenvolvemento da enerxía eólica centrado na recuperación do liderado do sector, así como na creación de emprego e riqueza para a sociedade. Dentro deste contexto, cabe sinalar que os plans industriais asociados ao concurso eólico galego están a xerar xa máis de 1000 millóns de investimento na comunidade, ao que se suma a creación de máis de 2000 empregos directos.

Así mesmo, tras impulsar o novo concurso eólico en 2010, o Goberno galego ten en conta as administracións locais, de xeito que por medio do canon eólico se recadaron xa 160 millóns de euros destinados aos municipios. Neste contexto, o novo proxecto autorizado polo Consello da Xunta, e promovido por Norvento, suporá unha fonte de financiamento importante para os concellos nos que se instalen os aeroxeradores, que se poderán beneficiar da recadación obtida do devandito canon.

Ademais, a Xunta espera que a nova poxa de enerxías renovables fixada para este mes de maio se converta nunha oportunidade que contribúa a que o sector eólico galego impulse o desenvolvemento dos seus proxectos na Comunidade.

Exit mobile version