Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta colabora co Concello de Mondoñedo na recuperación dun inmoble da Rúa Matadero, que se destinará á divulgación da arquitectura local e ao fomento da rehabilitación

MOSantiago, 13 de maio de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, Xunta asinou un convenio de colaboración coa alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, destinado a recuperar un edificio da rúa Matadero 1 desta vila, co obxectivo de destinalo á divulgación da arquitectura local e ao fomento da rehabilitación da mesma.

En presenza do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a conselleira e a alcaldesa rubricaron un acordo polo que, en primeiro lugar, a Xunta lle cede ao Concello de Mondoñedo o inmoble. Ademais, o Goberno galego comprométese a achegar 42.000 euros á Administración local, que deberá executar as obras que sexan necesarias para a rehabilitación deste inmoble, que suporá a consolidación dos elementos estruturais, a renovación da cuberta e a limpeza e acondicionamento das fachadas e do seu entorno, con respecto das características construtivas orixinais.

O inmoble será destinado á realización das actividades relacionadas coa conservación do patrimonio cultural e da difusión dos valores da arquitectura mindoniense, a difusión e promoción de programas e actuacións de rehabilitación de vivendas, a rexeneración e renovación urbanas, a mellora da calidade e sostibilidade das edificacións, especialmente no referido á mellora da eficiencia enerxética das vivendas, e a realización de actuacións de formación de técnicos e axentes que interveñen nas actuacións relacionadas coa renovación urbana e a rehabilitación de edificios e a súa difusión.

Este acordo manterase ata finais deste mesmo ano, coa posibilidade de prorrogalo un ano máis, mediante acordo expreso das partes adoptado con, polo menos, dous meses de antelación á data de finalización. A cesión do inmoble xa foi autorizada polo Consello da Xunta no pasado mes de febreiro.

A Xunta está a traballar tamén na rehabilitación de dúas vivendas no mindoniense barrio dos Muíños, emprazadas na Praza dos Muíños de Arriba números 26 e 28. Os proxectos xa están aprobados tecnicamente e contarán cun investimento próximo aos 500.000 euros.

Exit mobile version