Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destinou 700.000 euros ao Concello de Ourol o pasado ano para a mellora de infraestruturas, equipamento e servizos

190517CentrosocialOurolOurol (Lugo), 19 de maio de 2017.- A Xunta de Galicia destinou o pasado ano 732.000 euros ao concello de Ourol para a mellora de infraestruturas, adquisición de equipamento e funcionamento do servizos.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, fixo balance durante unha visita ás obras sufragadas a través do Fondo de Compensación Ambiental, que xestiona a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e que supuxo un investimento o pasado ano de 200.077 euros no municipio.

A Xunta puxo en marcha este fondo para redistribuír os ingresos derivados do canon eólico en beneficio, principalmente, dos municipios afectados pola implantación de parques eólicos e polas instalacións de evacuación destes.

En liña con este obxectivo, o delegado subliñou que Ourol é un dos municipios da provincia máis beneficiados polo programa. Balseiro visitou o centro social de Ambosores, no que se realizaron obras de acondicionamento estrutural e substitución da cuberta para facer viable o seu uso polos veciños e veciñas da parroquia, mellorando ademais a eficiencia enerxética da edificación.

O delegado interesouse tamén polas obras executadas na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) e nos depósitos de almacenamento situados en Ourol e Pousadoiro, co fin de mellorar o servizo de abastecemento de auga aos núcleos do municipio.

Estas foron as principais actuacións que se desenvolveron con cargo ao Fondo de Compensación o pasado ano, xunto co acondicionamento dunha pista ou o financiamento do servizo de protección ambiental, entre outras.

No presente exercicio, prevese un investimento de 237.700 euros ao abeiro desta liña de axudas. A maior parte do montante, 207.400 euros, será destinado a obras de mellora no abastecemento de agua. Non obstante, a Xunta financia tamén o funcionamento do servizo de protección ambiental e do espazo natural e a adquisición de diverso equipamento, como cortacéspede ou cortasetos, necesario para estes labores.

O delegado territorial destacou que “os beneficiarios directos deste programa son os veciños e veciñas dos municipios con maior presenza de instalacións eólicas pero, en definitiva, beneficia a toda a sociedade por canto impulsa actuacións de desenvolvemento sustentable”.

Ao respecto, Balseiro explicou que esta iniciativa está orientada á conservación, reposición e restauración do ambiente, así como a actuacións de compensación e reequilibrio ambiental e territorial.

Outros investimentos
O delegado sinalou que o compromiso da Xunta co concello de Ourol “é evidente en todos os ámbitos, como proban as actuacións executadas ou financiadas pola Xunta nos últimos meses”.

Neste sentido, lembrou que Medio Rural investiu 82.000 euros na mellora de camiños municipais e 31.600 en tratamentos forestais preventivos; a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou 124.000 euros á contratación de traballadores e ao obradoiro de emprego, entre outras medidas; e Infraestruturas acometeu un proxecto de reforzo do firme na LU-540, cun investimento de 43.000 euros, “ademais de soster os servizos sociais, como a axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, e procurar, en suma, que os veciños e veciñas do municipio teñan acceso a prestacións e servizos públicos de calidade”, afirmou o delegado.

Exit mobile version