Hai unha inscrición para todos os artesáns interesados. Para garantir a igualdade de participación, estes entrarán nunha bolsa á que o organismo provincial recorrerá á hora da celebración dos obradoiros e demostración. A súa selección rexerase por rigorosa orde de solicitude e entrada en dita bolsa. Terán que cumprir cos requisitos que se establecen nas bases. A outra inscrición é para todos os Concellos e asociacións da provincia que desexen beneficiarse destas actividades, que son totalmente gratuítas para os mesmos.
Dúas liñas
O Promoción da Artesanía 2017 contempla dúas liñas cun total de 35.000 euros:
1ª.- Obradoiros Artesáns. Esta liña conta cunha achega de 22.000 euros, cos que se poderán celebrar un total de 30 obradoiros na provincia: traxe tradicional popular, coiro, encaixe de palillos, cestaría, fotografía, instrumentos musicais, talla de madeira, tornaría, tear, olaría tradicional, cantaría, encadernación, pinturas e revestimentos decorativos, papel, papel artesanal, escenografía ou monicreques. Cada un deles ofrece 25 horas formativas, será financiado en solitario polo organismo provincial con 700 euros. Isto implica que, en total, serán ao redor de 750 horas de formación.
2ª- Demostracións en vivo. Esta liña está dotada con 13.000 euros, coa se poderán celebrar 40 demostracións en vivo: coiro; olaría; cestaría; cantaría; forxa; talla de madeira; torno; tear e creación de espectáculos de monicreques. Cada demostración deberá ser dun mínimo de 4 horas, será financiada en solitario polo organismo provincial con 300 euros. Isto implica que, en total, serán ao redor de 300 horas de demostracións.