Site icon Crónica3.com A Mariña

ACISA renova a súa imaxe e edita tamén 7.000 novos rueiros para repartir a principios de xuño en hoteis, na oficina de turismo, na praia das cCatedrais e no porto deportivo, entre outros lugares

250517 Foto marquesiña 2Ribadeo, 25 de maio de 2017. Acisa está a actualizar o seu mapa de asociados e a renovar as súas marquesiñas publicitarias, o seu rueiro e a súa imaxe, co obxectivo de potenciar as compras no comercio local.

Desde a directiva de Acisa explican que “debido ao número de novas incorporacións que se produciron nos últimos meses, estase a proceder a actualizar os mapas de asociados en todas as nosas marquesiñas, co fin de facilitar a residentes e visitantes información sobre os nosos establecementos, a situalos e a coñecer a todos e cada un dos socios que conforman esta asociación”.

As marquesiñas que se renovan son as situadas na rúa Reinante, na Praza de Abastos, no porto deportivo, no aparcadoiro municipal e no Parque San Francisco, xunto coa traseira do mupi dixital instalado hai pouco tempo na avenida Rosalía de Castro.

En Acisa consideran que “esta iniciativa beneficiará positivamente aos nosos asociados e asociadas, debido a que é unha forma de dalos a coñecer e promocionalos. Ao igual que xa fixemos durante a Semana Santa agora imos editar 7.000 novos rueiros actualizados para repartir a principios do vindeiro mes de xuño co obxectivo de que estean dispoñibles durante todo o verán en hoteis, na Oficina de Turismo, na praia das Catedrais, no porto deportivo e tamén nos locais dos socios que estean interesados en contar con eles para que todo visitante poida localizar á perfección a cada un dos socios, segundo o sector e o servizo que ofrecen”.

Estas dúas iniciativas son a segunda parte do proxecto de promoción deseñado pola asociación a comezos deste 2017, que se iniciaba coa instalación do mupi dixital e a edición dos primeiros 3.000 rueiros. Acisa busca ir máis aló de programar campañas comerciais e eventos, buscando diversas formas de dar a coñecer e publicitar aos seus asociados e subliña “a inversión que estamos a realizar para mellorar os servizos que prestamos aos nosos asociados e asociadas, e agardamos que tanto eles como a súa clientela vexan estas iniciativas como algo positivo para os negocios ribadenses”.

Acisa renovará tamén a súa imaxe corporativa: “en datas próximas contaremos cunha carpa de 8×4 metros que se destinará á realización de diversos eventos. Terá unha imaxe moderna e servirá como punto de referencia publicitaria para a asociación e estará ao servizo d@s soci@s. Tamén mercaremos unhas bandeirolas e un roll-up, cunha imaxe moderna e diferente, que busca potenciar a presenza da asociación na rúa e que serva como referencia publicitaria das actividades e eventos que desde a asociación realizan”.

Charla o venres
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo organiza unha conferencia nutricional que terá lugar este venres 26 de maio. Será pronunciada polo prestixioso doutor Jesús Bernardo, especialista en Nutrición e Dietética. Será ás 20 horas no salón de actos da Casa Sindical.
O título da charla será Coñecer os alimentos para ter boa saúde. Jesús Bernardo é médico especialista en Nutrición e Dietética terapéutica polo hospital Robert Debré da Universidade francesa de Reims; médico especialista en Nutrición Deportiva pola Universidade Paul Sabatier, de Toulouse (Francia); membro da Comisión de Nutrición e Hábitos Saudables do Comité Olímpico Español; médico nutricionista da Selección Española de Hockey sobre patíns, da Federación Española de Patinaxe e do Real Oviedo Club de Fútbol; membro de diferentes asociacións e sociedades científicas como a SEN (Sociedade Española de Nutrición) e director da UNAM (Unidade de Nutrición, Alimentación e Metabolismo en Asturias).

Exit mobile version