Estes alumnos fano en representación de centos deles que polos anos 1950-1960 tiveron de profesor a este sacerdote, a quen sempre lembraron con admiración pola súa bondade paternal con aqueles pícaros que tiñan que aguantar a dureza disciplinaria de outros profesores coa escaseza das normas pedagóxicas humanas; mais nunca sospeitaron que Don Francisco fora defensor da II República e consecuentemente vítima.
A Homenaxe vai consistir nunha ofrenda floral no cemiterio de Vilanova; nun acto cultural coa presentación do libro DON FRANCISCO RON SÁNCHEZ sacerdote republicano feito coa colaboración de Jesús Bouza Rey, Francisco Ramil Acebo, Xosé Manuel Carballo, e o que escribe, contando co deseño da portada de Antonio Rivas Pol, todos eles discípulos do homenaxeado; e nunha obra teatral A LOLA a cargo do grupo “Avelaiña Teatro” de Pontevedra.
Todo partiu dunha reportaxe de Isabel Bugallal no diario La Opinión de A Coruña onde aparecía a famosa fotografía de Josip Ciganovic de Don Francisco co seu amigo Ramón Ventoso. Esta nova recolleuna Jesús Bouza e mandouna aos amigos e alumnos que fóramos do noso profesor. Ao recibirmos a nova comeza con entusiasmo deste grupo, xubiloso e case todos xubilados, o proxecto de coñecer a historia polo miúdo deste sacerdote singular e admirábel persoa, ben recoñecida ademais da xente do Concello de Lourenzá.
Don Francisco ingresa no convento bieito de San Clodio de Ourense, alí estuda a carreira sacerdotal e ao pouco tempo decide pedir a exclaustración. Comparte a ilusión da chegada da II República como membro dunha familia republicana. Sufre a represión franquista, imputado co delito de rebelión.
Agochado cos tres irmáns, por medo ao terror na Galicia, durante máis de dou anos. Mais non queremos adiantar coñecementos do percorrer político e eclesiástico durante estes tempos de represión tan longos na “longa noite de pedra”.
A organización espera compartir cos amigos e veciños de Lourenzá este día feliz na lembranza dun cura tan singular sobre todo solidario cos republicanos que sufriron persecución.
Esta historia de Don Francisco e do pobo poderán coñecela polo miúdo no libro devandito, DON FRANCISCO RON SÁNCHEZ sacerdote republicano.