Site icon Crónica3.com A Mariña

Arredor de 10.000 tapas se serviron na primeira fin de semana do “Ribadeo de tapeo” que se celebra ata o día 21

Ribadeo, 15 de maio de 2017. Esta fin de semana arrancou a XII edición do Ribadeo de Tapeo e a concelleira de Turismo, Ana Martínez, fai unha valoración moi positiva destas primeiras xornadas. A edil subliña que se serviron unhas 10.000 tapas entre o sábado e o domingo, e anima á xente a seguir saboreando as propostas da cociña en miniatura ata o vindeiro 21 de maio.

Ana Martínez manifestou que “un ano máis o Ribadeo de Tapeo nesta primeira fin de semana na que a xente agarda poder degustar e probar eses pequenos bocados en miniatura como son as tapas do Ribadeo de Tapeo, desde logo non defraudou. Durante esta fin de semana foron máis de 10.000 as tapas que se serviron nos 52 establecementos participantes e os que nos achegamos ou estiveron por Ribadeo durante a fin de semana, ben puideron comprobar que ata nalgúns establecementos era practicamente imposible poder entrar para pedir a tapa”.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo dixo que “arranca con forza como cada ano, pero aínda son moitos os días que quedan para poder gozar deste Ribadeo de Tapeo, e polo tanto convidar á xente que se siga achegando a Ribadeo para degustar este traballo dos hostaleiros e das hostaleiras de Ribadeo”.

Martínez engadiu: “aproveitando que nesta semana temos o Día das Letras Galegas, un día festivo aquí en Galicia, convidar a que a xente se poida tamén achegar nesa xornada a Ribadeo porque ademais das tapas teremos mercado tradicional dos mércores arredor da praza de abastos, e haberá actividades musicais animando a rúa. Pode ser un bo día para tamén aquí celebrar e festexar o Día das Letras Galegas en Ribadeo”.

Exit mobile version