Site icon Crónica3.com A Mariña

Campos Conde propón aos vencedores do Parlamento Xove organizar un debate provincial xuvenil

DSC_0032Lugo, 24 de maio de 2017. O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao Vicepresidente e tamén Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez Núñez, recibiron este mércores no Pazo de San Marcos aos vencedores do Parlamento Xove 2017, que son alumnos do IES de Becerreá. Campos Conde propuxo ao rapaces organizar na Deputación un debate provincial xuvenil.

A proposta foi moi ben recibida tanto polo alumnos como o profesorado polo que acordaron novos encontros nos que organizar conxuntamente esta iniciativa para formar os máis novos en oratoria e debate e implicalos en asuntos que afectan á provincia lucense.

O Presidente felicitou aos rapaces e ao profesorado, ao tempo que lles deu as grazas porque “co voso esforzo e traballo tamén dades visibilidade á nosa provincia”.

O Vicepresidente e tamén Alcalde de Becerreá agradeceu aos rapaces “a tradición que estades a crear entre os mozos do noso Concello de participar en eventos de tanta importancia coma este, que requiren de moita preparación, esforzándovos ata quedar, por terceiro ano, nos mellores postos”.

Parlamento Xove 2017
O Parlamento Xove é un certame de debate no que participaron 16 equipos de 12 centros de toda Galicia, e no que resultaron vencedores os mozos de Becerreá. Os alumnos lucenses defenderon no debate deste ano, entre outros, o acceso libre a internet, un tema de especial actualidade. Cada un dos equipos está formado por 4 alumnos e 1 profesor que analizan, escriben e debaten sobre o tema asignado. Só 5 minutos antes do debate, os participantes coñecen a postura que teñen que defender.

Exit mobile version