Site icon Crónica3.com A Mariña

Compromiso por Galicia leva ao Parlamento Europeo iniciativas de 13 colectivos galegos

Compostela 25-5-17. A semana próxima Compromiso viaxa a Bruxelas cunha delegación formada por representantes de entidades de diferente tipo de Galicia. O obxectivo da viaxe é coñecer de primeira man en que punto está o traballo desenvolvido por Izaskun Bilbao, a eurodiputada adscrita a CxG, sobre os temas que os colectivos presentaron a través dela.

As iniciativas que trasladan a Europa os galeguistas son de diversa índole e fan referencia a cuestións de relevancia para varios sectores da sociedade galega e moitas delas, as que presentan os colectivos de eido local, son de vital importancia para as zonas nas que traballan eses colectivos.

Esta é a listaxe de entidades e colectivos que viaxan a Bruxelas:

GRUPO ECOLOXISTA ADENCO, de Ponteareas.

Adenco solicítalle ao parlamento europeo que requira ao comisario de medio ambiente, Karmenu Vella, que reabra a investigación pola vulneración da normativa comunitaria no lic río tea.

AMINO. Abuso y maltrato infantil NO, Galicia.

Amino fai as seguintes propostas:

-Activación do Observatorio Galego da Infancia

-Difusión da Campaña “Un de Cada Cinco” en tódolos centros educativos de Galicia

-Creación de equipos forenses especializados en maltrato e abuso sexual infantil

-Creaciónde equipos terapéuticos especializados en maltrato e abuso sexual infantil

– Coordinación dos equipos de valoración e intervención.

ASOCIACIÓN DE COLLEITEIROS EMBOTELLADORES DO RIBEIRO. Solicitan que se dean pasos cara a “despolitización” das Denominacións de Orixe.

ASOCIACIÓN DE VECIÑOS A XESTA DE LALÍN, propón unha serie de medidas concretas para acabar co despoboamento e envellecemento do rural.

COGAMI. Confederación Galega de Persoas con Discapacidade. Pregunta á Comisión Europea sobre os Centros Especiais de Emprego e a Regulamentación sobre PEMES. En concreto se podería estudar a Comisión a posibilidade de non aplicar o concepto de entidade vinculada aos Centros Especiais de Emprego sen ánimo de lucro, sempre que non se supere o volume de negocio establecido para definir unha PEME.

COLECTIVO PATRIMONIO DOS ANCARES. Este grupo dos Ancares solicita unha serie de actuacións encamiñadas á protección do Patrimonio histórico, moitos dos casos que expoñen son de propiedade privada, aí está a súa singularidade.

AGRUPACIÓN LOCAL DE COMPROMISO POR GALICIA EN SAMOS. Trasladan a súa preocupación polo estado de deterioro do Camiño Francés que usan os peregrinos a Compostela, sobre todo no seu paso por Samos.

COMUNIDADE VECIÑAL DE MONTES EN MAN COMÚN DE CERVO. Solicitan a creación dun rexistro de Comunidades de Montes en Man Común que permita o control das mesmas e das súas actuacións. A inscrición neste rexistro sería unha condición obrigatoria para poder acceder a axudas económicas, coas que as pequenas comunidades puideran ser sostibles.

FEDERACIÓN ALZHÉIMER GALICIA.Queren saber cales son as principais liñas de abordaxe desta temática dende a perspectiva da Unión Europea, os prazos que barallan para a súa aplicación é o grao de esixencia aos países membro nesta problemática de primeira orde.

GRILLE, SOCIEDADE COOPERATIVA GALEGA. Esta entidade quere saber se a Unión Europea pode tratar a o asunto do abandono de terras para o seu cultivo no rural, provocado polo envellecemento e o despoboamento do noso rural.

PLATAFORMA DE AFECTADOS POLOS ABUSOS DO MERCADO ELÉCTRICO con base en San Cibrao, Cervo, Lugo. Denuncian unha serie de irregularidades que ao seu entender están cometendo as empreses enerxéticas. Moitas destas irregularidades teñen que ver co uso fraudulento dos novos contadores dixitais que se instalaron e se están a instalar por todo o país.

SALVEMOS CATASÓS. Inciden no deber de preservar o bosque galego autóctono ou primitivo, evitando a deforestación para facer fronte ao cambio climático e quecemento global do planeta.

SARELA, ASOCIACIÓN DE DANO CEREBRAL ADQUIRIDO, SANTIAGO.

Presentan unha serie de iniciativas co fin de mellorar tanto a calidade de vida das persoas afectadas por DCA como para o estudo das súas causas. Así como tamén propoñen unha maior “fiscalización” do acceso a educación,emprego, recursos residenciais etc., para estas persoas.

Exit mobile version