Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias: O que queda despois da tormenta

Un día de verán, un coma outro calquera, aínda o lembro ben. Era agosto de 2014 e tres amigos, tres compañeiros, analizábamos o que por aquel entón era a problemática do momento: a venda masiva de participacións preferentes e outros produtos financeiros complexos.

Un camiñaba polas rúas coruñesas e podía escoitar o ruído antes de chegar á oficina da outrora Novagalicia Banco, no cantón pequeno da cidade herculina, e, de paso, un certo cheiro a naftalina que impregnaba o ambiente. Todo acababa de estalar.

Primeiro saíran ás prazas as asociacións de preferentistas, logo articularanse procesos de mediación con quitas e ó fin colapsaron os xulgados. O motivo: a venda masiva de produtos de risco sen a información legal.

Aínda en estado de shock polo acontecido a opinión pública familiarizábase á forza con novas denominacións e palabros: Débeda subordinada, SWAP, bonos convertibles e clásulas de chan. De seguro non saiba definir claramente cada un destes conceptos –agás que tivera a desgraza de vivilos na propia carne- mais certo é tamén que todos eles fóronse facendo cotiáns.

Non eramos os rapaces máis listos da clase pero sabíamos que algo estaba pasando. Tocaba mover ficha.
E foi así como naceu outra asociación máis, a de afectados pola cláusula de chan das hipotecas da Mariña lucense, unha organización de consumidores de ámbito local. Pouco máis de dous anos despois da inscrición no rexistro de asociacións autonómicas albiscábase tormenta, e, de súpeto, espertou un furacán.

O Tribunal de Xustiza da UE dixo en decembro do 2016 que tocaba a devolución retroactiva das cantidades cobradas e o vello filme das preferentes tiña unha segunda parte.

Curioso tamén que nesta nova entrega apareceran vellos actores: o Real Decreto para a reclamación extraxudicial aprobado polo Goberno era un “alter ego” do mecanismo de mediación artellado con respecto ás preferentes.

Tres meses despois da entrada en vigor do Real Decreto, nese preciso intre no que nos atopamos agora. ¿Que está a pasar?
O venres da outra semana puiden acompañar a unha oficina dunha entidade bancaria na Mariña a unha persoa cunha evidente enfermidade discapacitante. A proposta foi unha cantidade a tanto alzado, verbal, sen liquidación ou desglose algún, cun desconto evidente sobre o monto adebedado e sen ningún atisbo de xuros.

Por iso podemos dicir que o que queda despois da tormenta é tempestade, e, aventurándome ó prognóstico, coa experiencia das preferentes ben presente e tendo en conta que o mes de agosto é inhábil xudicialmente, á volta das vacacións colapsaran os xulgados como consecuencia inequívoca do que puido ser e non foi.

Exit mobile version