Site icon Crónica3.com A Mariña

Con pólvora e magnolias. ¿Quen matou a Borsellino?

O martes cumpríronse 25 anos dende que Italia estourou.
Foi un día 23 de maio de 1992, case chegadas as 18:00 h., o xuíz Giovani Falcone quería chegar ó aeroporto de Palermo, na compaña da súa esposa –a tamén maxistrada Francesca Morvillo- e tres escoltas.
Dende unha pequena colina, detrás dunha torreta branca rotulada con letras negras ben grandes: Non á Mafia, estaba agochado aquel que detonaría 400 kg. de tinitrotuleno oculto baixo a estrada de Trapani a Palermo.
Foi tan só 58 días despois cando o xuíz antimafia Paolo Borsellino, compañeiro de Falcone, foi asasinado con 100kg. de dinamita cando ía camiño de visitar a súa nai na mesma localidade.
Aló polo mes de xuño, uns días despois da matanza do seu colega e amigo Falcone, Borsellino tiña falado nunha entrevista á canle italiana RAI das relacións entre A Cosa Nostra e os industriais de Milán, citando os nomes de Marcello Dell´Utri –condenado despois por asociación mafiosa- e un tal Silvio Berlusconi, xefe e socio político do anterior.
17 anos despois da morte dos xuíces, no ano 2009, os maxistrados sicilianos reabriron a causa tras atopar documentos e testemuños de que a mafia executara a matanza coa colaboración dos servizos secretos.
Na boca do propio executor, o capo Totó Riina, os dous asasinatos foron crimes de estado.
Paralelismos coa situación actual da nosa xustiza; Eloy Velasco, o mediático xuíz instrutor da operación Lezo afirmaba que o problema era que as inversións en xustiza non eran suficientes e solicitaba un cambio de destino porque non podía facer ben o seu traballo.
Velasco pediu medios para poder desempeñar a súa función e recibiu un xuíz de apoio para 6 meses cando, entre outros, o seu Xulgado nº 6 da Audiencia nacional tiña os casos Lezo, Púnica, Acuamed, Vitaldent, asuntos sobre a Camorra Italiana, a Mafia Rusa, procedementos sobre yihadismo, estafas múltiples e Banca Cívica entre outros.
Polo medio de todos os entramados de corrupción no noso país –xa sexan os macro-procesos Púnica ou Gurtel ou as locais operacións Pokemon ou orquestra- existen vínculos evidentes de representantes públicos con empresas privadas.
Algunha das personaxes dos episodios patrios de corrupción lembran bastante a Berlusconi e ós seus socios, e gozan tamén dun amplo respaldo popular.
Agora que se escoitan cantos de serea quedan só dous camiños: ou enfrontar á mafia sabendo que quen acaricia a un tigre pode perder un brazo ou ficar impasibles.
Sexa esta unha homenaxe ós que pagaron coa súa vida a loita pola idea de xustiza.

Exit mobile version