O rexedor municipal fixo “unha valoración moi positiva do que foi este acto de recreación histórica na Frouxeira. Foi un acto precioso, onde escolares dos cinco colexios que temos no concello puideron ver alí unha recreación histórica incrible. Estábamos no sitio e no momento adecuado para coñecer a verdadeira historia da Frouxeira”.
Javier Castiñeira subliñou que “a idea deste acto era precisamente a proxección deste punto estratéxico, turístico e cultural, que eu creo que é un dos grandes descoñecidos do noso concello e de toda A Mariña. Un punto que ademais ten unhas vistas incribles de todo o que é a ría de Foz, a ría do Masma, pero tamén na súa parte posterior de todo o que é O Valadouro e Alfoz; e vese tamén incluso o Castelo de Alfoz”.
O alcalde de Foz engadiu que “o obxectivo está a medio cumprir porque loxicamente o que se quere agora é que a xente veña visitalo unha vez que quedou perfectamente limpo. Pódense apreciar moitos restos arqueolóxicos do que foi unha grandísima fortaleza infranqueable durante varios anos e que forma parte da historia de Galicia. Tamén foi motivo de moitas cantigas medievais que aínda perviven na nosa cultura”.
Castiñeira cualificou a actividade de “éxito absoluto e queremos darlle a noraboa ao equipo de recreación histórica, de Queiman e Pousa. Darlle tamén as grazas tanto ao director xeral de Política Lingüística, Valentín García, que nos acompañou; tamén ao delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, ao deputado autonómico Daniel Vega e ao tenente de alcalde do Concello de Alfoz Xabier Pardiñas. E, por suposto, quero darlles as grazas tamén aos colexios por participar e querer ser protagonistas desta preciosa historia”.