Site icon Crónica3.com A Mariña

Este xoves comeza a demolición da antiga vivenda de profesores a carón da residencia de maiores de Ribadeo. O Alcalde e o Presidente da Deputación visitaron as novas instalacións

240517 VISITA PRESIDENTE DEPUTACIÓN Á NOVA RESIDENCIA DE MAIORES RIBADEO (1)Ribadeo, 24 de maio de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, acompañou ao presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, na visita que realizaron este mediodía á nova residencia de maiores da localidade. Ambos criticaron a falla de apoio da Xunta de Galicia e subliñaron que a pesares disto a residencia vaise equipar e vaise poñer en marcha. Mañá dan comezo as obras de demolición da vella vivenda de profesores que aínda había no solar que ocupa a residencia de maiores. Ese terreo pasará a formar parte do xardín e da zona de esparexemento da nova instalación.

O rexedor salientou que “continuamos traballando, como levamos facendo todo este tempo, da man e do brazo doutra das administracións importantes para Ribadeo como é a Deputación. Hoxe ven o presidente e vai estar revisando isto e outras obras que imos ver, nas que a Deputación estivo colaborando”.
Suárez Barcia quixo “destacar o compromiso, que máis alá da cuestión partidaria, de diferentes administracións que se poñen de acordo como é o Concello e a Deputación, para ben dos veciños e das veciñas. Uns son duns e outros son doutros, e outros non son de ninguén, pero todo o mundo é cidadán e todo o mundo ten dereito”.

O alcalde remarcou: “isto que valoro como algo moi positivo, vótoo en falla absolutamente pola actitude mezquiña da Xunta de Galicia, onde desde hai catro anos se desentendeu de todo, non quixo nin axudar nin poñer en valor no que ten a competencia que son os servizos sociais. Os Concellos en servizos socias temos unha competencia limitada, e as Deputacións teñen unha competencia limitada, e quen ten o groso das competencias é a Xunta de Galicia. Clama ao ceo que non dera un só céntimo en toda esta gran actuación que por suposto, por mal que lle pese e por moitas pedras que puxeran e que han seguir poñendo, habémola acabar, habémola equipar e habémola poñer en funcionamento por mal que lles pese, porque nosoutros temos un compromiso coa xente”.

Fernando Suárez engadiu que “Darío Campos preséntase por un grupo e nosoutros presentámonos por outro, pero unha vez que estamos, e que houbo eleccións, estamos intentando facer cousas e facelo para ben dos veciños. Non estamos na guerra política sistemática diaria, de cómo tratar ao adversario como se fora un inimigo. Nós non somos inimigos, somos representantes do pobo. En materia de saneamentos, en materia de abastecementos, nosoutros temos que intentar actuar en representación do pobo, e o pobo é todo, non soamente os que votan unha formación política concreta. Iso é o que non teñen claro a día de hoxe o Partido Popular e a Xunta de Galicia”.

O alcalde díxolle ao presidente da Deputación “agradézoche a ti en nome de todos os grupos que en Ribadeo valoramos o comportamento da Deputación. Evidentemente ímosche seguir pedindo máis cousas porque en Ribadeo a xente non é que sexa insaciable, son cidadáns que queren que as administracións que non soamente se acorden a catro meses dunhas eleccións, senón que durante un tempo poidamos facer cousas. Hai cuestións en materia de infraestruturas, de viarios e de axuda doutras cuestións sociais que che iremos pedindo. Pedímosvos unha vez máis que nos sigades valorando e apostando por Ribadeo como viñestes facendo nestes últimos anos”.

Campos e Suárez supervisaron a nova residencia de maiores e tamén o inicio da demolición do edificio anexo, que se habilitará como zona verde. Estiveron acompañados polos concelleiros de Servizos Sociosanitarios e Cultura, Sonia Meilán e Farruco Graña, e por representantes do PSOE.

Exit mobile version