Site icon Crónica3.com A Mariña

Éxito do curso de guías locais, que se impartiu a pasada fin de semana en Burela, organizado polas concellerías de turismo e medio ambiente

IMG_20170521_101636Burela, 23 de maio de 2017. Un total de 20 persoas participaron no curso de guías locais que, organizado polas Concellerías de Medio Ambiente e Turismo, foi impartido os días 20 e 21 de maio (a pasada fin de semana).

Ramiro Fernández Rey e Noelia Mª Ben fan unha valoración moi positiva do curso: “foron 20 as prazas que se ofertaban, cubríronse e houbo xente que quedou sen poder participar nesta ocasión”. A maioría dos asistentes teñen unha formación acorde ao curso: biólog@s, xeólog@s, licenciad@s en Historia da Arte, diplomad@s en Turismo.. ou xente que traballaban como guías turísticas.

Desde as Concellerías de Turismo e Medio Ambiente explican que “no curso tratamos de que a xente recibise unha formación o máis ampla posible sobre Burela, a súa historia, a xeoloxía, a bioloxía, a arqueoloxía, a actualidade…

O sábado a xornada dedicouse á formación teórica, os poñentes foron: Francisco Canosa Martínez (xeólogo); Laura Carquijero López (bióloga); Manuel Miranda Ruiz (ceramista e experto en reproducións arqueolóxicas); e Begoña Romo Conde (monitora de educación ambiental e tempo libre do Concello de Burela). E o domingo aproveitamos para a percorrer os lugares de maior interese de Burela: o porto, o barco museo, a zona xeolóxica de Perdouro, a Igrexa da Vila do Medio, o hipocausto, a zona xeolóxica da Marosa, Monte Castelo, Cabo Burela, As Tetas da Vinculeira, praias…”.

Para Noelia Mª Ben e Ramiro Fernández Rey “o curso foi todo un éxito, e os participantes manifestaron o seu agrado porque haxa iniciativas deste tipo, e incluso a xente que vivía en Burela descubriu lugares que nunca antes visitara por descoñecemento. Cremos que actividades coma esta deben facerse con máis asiduidade, xa que é moi importante coñecer e poñer en valor o patrimonio do noso pobo”.

E engadiron que “este curso ten como obxectivo xerar emprego, formar e darlle continuidade a ofertas turísticas como as Xeorutas. Esperamos que moitas das persoas que fixeron o curso poidan traballar nun futuro axudando aos turistas a descubrir a riqueza xeolóxica, biolóxica, patrimonial e natural do noso concello”.

O curso de guías locais foi organizado polas Concellerías de Medio Ambiente e Turismo, dentro do proxecto Entre Cantís.

Exit mobile version