Site icon Crónica3.com A Mariña

Juanma Marrube dirixirá a un Pescados Rubén FS con “alma e carácter” en 2017-18

reunion-juanma-presidente17Burela 15-5-17. O secretario técnico do Pescados Rubén Burela FS, Juan Manuel Marrube Rodríguez (Alfoz, 1979), será o adestrador do equipo en Segunda División a vindeira tempada. “Antes de instaurar unha filosofía de xogo, para min o importante é ter un equipo con alma e carácter” explicaba o ex xogador laranxa, o ‘Mariskal’, cuxo dorsal, o 8, loce en Vista Alegre dende 2014. “Temos que formar un grupo no que teña pegada a idiosincrasia do club, pero tamén a cultura deportiva das incorporacións, xunto cos que pretendemos que sigan, coa xente que ten contrato. Trataremos de contaxiar o sentimento que hai aquí polo fútbol sala nos xogadores novos, dando a coñecer a filosofía do club, o que é a vila e o que sente a xente en Burela e na Mariña por este deporte, para chegar a facer esa alma e carácter” engadía o novo técnico laranxa.

Dende a directiva, o presidente, Manuel Blanco, definiu as novas responsabilidades de Juanma, con experiencia xa á fronte da base e o equipo de Terceira División, así como do FS Boal (Segunda B), como unha aposta de futuro: “Non hai mellor coñecedor da estrutura e da esencia do club ca Juanma. Ten todo o noso apoio para retomar o proxecto, cunha firme aposta pola base e a xente da casa. Será un equipo baseado no traballo e sacrificio; con estas dúas premisas, poderemos conseguir grandes cousas no futuro”, aseguraba o dirixente burelista.

Juanma Marrube xa traballa, cóbado con cóbado, coa directiva perfilando o novo proxecto: “Imos un pouco a contrarreloxo. Hai moitos clubs que xa teñen todo configurado; o descenso condiciona o noso proxecto definitivo, por iso temos que traballar con máis celeridade”, explica o mariñán, que asume o reto con moita ilusión, pero tamén sen precipitarse: “Estou contento, tranquilo, con moita pacencia e cunhas ganas enormes de traballar. Despois da traxectoria dos últimos anos do club, o equipo está nunha situación que nunca me planteei. Asumo este novo reto como unha gran responsabilidade e creo que, a pesar do descenso, esta é unha nova etapa que se pode aproveitar como unha oportunidade”, confesábase así Juanma.

O novo adestrador laranxa tomará as rendas do equipo o 1 de xullo. Mentres seguirá compatibilizando o traballo na estrutura do Pescados Rubén co seu labor á fronte dos bancos en Segunda B: “Teño que agradecer ao Fútbol Sala Boal a oportunidade que me brindou esta tempada. Grazas a este equipo tamén comezo hoxe este novo desafío; confiaron en min para estar á fronte do equipo de Segunda B e por iso estou moi agradecido”, explicaba Juanma, coincidindo coa directiva do Pescados Rubén pola predisposición do club asturiano para pechar a negociación.

Juanma tamén tivo unha mensaxe para incansable afección de Vista Alegre que tantos anos aclamou o histórico 8 burelista, para remar xuntos con novas ilusións: “Este é un golpe duro que hai que saber encaixar, pero tamén é unha oportunidade moi boa para que todos nos reinventemos. Todos temos que facer un cambio e ver esta nova etapa como un momento idóneo para conseguir grandes logros”, concluía o ‘Mariskal’.

Exit mobile version