Site icon Crónica3.com A Mariña

LEMBRANDO A DONA AMALIA

O 20.5.17 celebrou en Foz asamblea a Federación de Viuvas de Galicia; evento que nos trae á memoria a personalidade da que foi a primeira presidenta da asociación focega, dona Amalia Espinosa, que chegara aquí o ano 1959. O emprego do marido, don Antonio Maldonado – secretario de xulgado- obrigounos a unha vida nómoda, fixo que polos anos 40 abandonasen a súa cálida e luminosa Almería pola húmida e brumosa Galicia.
En 1969 falece don Antonio; ela quedou soa cos nove fillos. Dedicada ás atencións familiares, a súa vida transcorre, sen apenas mais saídas que á igrexa próxima para as prácticas piadosas,
Pero, un feito inesperado viría a alterar, o rítmo da súa existencia.
En 1973 xorde a idea de crear a Asociación local. Celébrada unha reunión, as compañeiras, por unanimidade, elíxena presidenta. Secundada por un grupo de entusiastas e fieis colaboradoras desenvolven unha febril actividade e as obras humanitarias sucédense con importantes achegas; así, por exemplo, con ocasión das inundacións de Valencia,ocurridas por entón, elas foron quen de fretar un camión de roupas, medicinas e alimentos enviados dende Foz directamente. Foron as artífices da primeira festa dos xubilados; así como de mil axudas e socorros , desde o anonimato, superando a falta de medios con imaxinación e moito traballo. No seo da Asociación cultivábase a amizade, o compañeirismo e o mútuo apoio, paliando, dalgún xeito, a soidade que implica a condición de viuda/o. Pero no ano 1992 a saúde física, que non a mental,reséntese e vese obrigada a deixar Foz, para recibir a atención mais próxima da familia. O feito inevitable prodúcelle, unha fonda tristura, ó ter que abandonar o pobo que ela amaba profundamente.
A Asociación dos seus desvelos ofrécelle unha homenaxe, á que se sumarían persoas e representacións; homenaxe de sentido e sincero recoñecemento a quen tan altruistamente dedicou os seus afáns ós demais; a quen posuía a grandeza da humildade, e da xenerosidade. As punzantes espiñas que non faltaron no rosal da súa vida, non lograron trocar o talante doce e afable, tolerante, respectuoso, e solidario; de harmónica e distendida convivencia, o que fixo consolidar ó seu arredor un numeroso colectivo que atopou nela a matrona sempre garimosa que se gañou o respecto e o afecto da sociedade focega.
Dona Amalia marchou a Cataluña, e xa na nova residencia o cronista mantivo con ela eporádica correspondencia. As súas cartas eran auténticos cantos de amor a Foz; expresións permanentes de gratitude e apego ás nosas xentes. A súa bondade e os seus nobres sentimentos rflíctense nas misivas: poemas ó noso pobo; ós mariñeiros; á Virxe do Carme… As vivencias focenses resúltanlle inequescibres.Pero decatámonos de que paseniño os trazos firmes da súa letra impecable, clara e diáfana ía perdendo vigor, facéndose inseguros, titubeantes, amosando claramente o declive ata que, unha felicitación nosa de Nadal nunca tería resposta; era, sen dúbida a confirmación do deterioro das facultades físicas e anímicas.
Aos poucos días , voz amiga infórmanos da triste nova: acababa de finar dona Amalia.
Tiña 94 anos. As súas cinzas depositáronse no cemiterio focego, para cumprir o que foi o seu derradeiro desexo.
Por Foz pasara un anxo: “chamábase” Amalia.

Exit mobile version