O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, asegurou que “esta presentación fixémola desde un plano optimista no aspecto de que todo o recinto feiral está cuberto con case 200 expositores que representan a máis de 300 marcas. Estes datos queren dicir que a feira Expomar que é unha das monográficas máis importantes do sector náutico pesqueiro, está tendo unha recuperación. Estase vendo que hai interese en facer unha oferta, en presentarse, en dar a coñecer os novos produtos que están saíndo para o sector, e iso é moi importante”.
O presidente da Fundación Expomar mostrouse “con ganas de que chegue esta nova edición, que é a dezasete. Consideramos que vai ser moi importante e estar moi ben. Quero animar a todo o mundo, sexa profesional do sector ou profano, porque vai haber temas que van importarnos a todos como son as xornadas técnicas onde imos abarcar a problemática da pesca co Brexit, os descartes e o futuro da pesca. Penso que vai estar moi ben incluso para toda a xente que teña algún tipo de interese xeral en saber cómo vai o sector”.
Alfredo Llano engadiu que “tamén temos o encontro empresarial que é onde se van abordar as preocupacións, reclamar certas situacións e supoño que algunha solución. Cremos que esta edición de Expomar do ano 2017 pola actualidade que se está vendo agora no sector, vai ser moi importante”.
Alfredo Llano lembrou que “tras esta presentación que tivemos hoxe en Santiago, imos facer outra o día 16 en Burela, no barco-museo se non chove, senón será no Concello. Será ás doce da mañá e invitamos a todo o mundo”.
O representante de ABanca tivo palabras de agradecemento para a Fundación “pola iniciativa de Expomar, como un dos escaparates máis importantes para o sector pesqueiro” e aludiu ao apoio da súa entidade a estas iniciativas. Llano tamén agradeceu á Consellería do Mar e a Mercedes Rodríguez o seu apoio a este evento. E pola súa banda a directora xeral de Pesca, que é mariñá, referiuse ás xornadas técnicas e ao encontro empresarial “como plataformas de interese para o sector” e falou do “apoio incondicional da Consellería do Mar e da Xunta a este evento, que ao longo do tempo se converteu nunha cita indispensable para o sector pesqueiro.