Balseiro explicou que no conxunto da comarca incrementou en máis dun 12,5% o número de horas asignadas con respecto ao ano 2016. De feito, a Xunta ofrece un total de 25.595 horas nos 16 concellos da Mariña o que supón un aumento de 2.844 horas respecto ao ano pasado.
Prazas públicas en residencias e centros
A Consellería de Política Social mantén o compromiso de continuar incrementando a atención ás persoas dependentes tamén noutros ámbitos como é o caso das residencias, centros de día e centros de día especializados para persoas con discapacidade. Nesta comarca benefícianse 485 homes e mulleres dunha praza pública neste tipo de instalacións.
Incremento do gasto social
“A Xunta mantivo como prioridade blindar o gasto social durante os peores anos da crise, por iso neses anos dedicáronse 8 de cada 10 euros do orzamento a gasto social. Agora, coa recuperación económica, estamos a reforzar estas partidas porque queremos que a recuperación chegue a todos os galegos”- salientou o delegado
É por iso que neste 2017 o gasto social da Xunta aumenta en 229 millóns de euros, cun importante reforzo dos fondos destinados a atender a persoas con dependencia, máis axudas para vítimas de violencia de xénero, incrementamos a RISGA e máis recursos para reforzar a sanidade e a educación pública.
Ademais, os beneficios fiscais da Xunta neste 2017 chegan ata os 391 millóns de euros: son ingresos que a Xunta deixa de percibir para que permanezan nas familias e nos fogares.