Site icon Crónica3.com A Mariña

Moción do grupo municipal de “Foz, plataforma de futuro”, para instar á Xunta a mellorar para o ano 2018 a renda de inclusión social de Galicia

Foz 18-5-17. O Grupo Municipal de Foz Plataforma de Futuro, Luís Alfonso Sixto Legaspi, Juan Luís González Riveiro e María Peña Rubiños Fernández a través do seu voceiro Luís Alfonso Sixto Legaspi presenta para o seu debate e aprobación no pleno deste Concello a seguinte moción:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A crise consolidou en Galiza un modelo que afondou nas desigualdades e na exclusión social: aumentaron os niveis e a duración do desemprego, aumentou a precariedade laboral e reducíronse os ingresos por fogar.
A taxa de risco de pobreza e exclusión chegaba en 2015 case ao 26% e a porcentaxe de persoas en exclusión material severa era do 4,2%, tendo aumentado durante a crise. O risco de pobreza e exclusión social é meirande entre familias monoparentais (53%), mocidade de 16 a 29 anos (36,4%) e menores de 16 anos (35,4%) – datos de 2014 -.
Se a pobreza severa afectaba en 2015 a 132.000 persoas, a RISGA foi percibida ese mesmo ano por 3.848 persoas (datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade).
Ademais, a RISGA é unha das rendas máis baixas do Estado (399 €/mes) e con menor cobertura (4,4 persoas beneficiarias por cada 1000 habitantes).
O 1 de xaneiro de 2014 entraba en vigor a lei 10/2013, do 27 de novembro, de Inclusión Social de Galicia, que modificaba a anterior da RISGA. Malia o aprobado na disposición derradeira da lei – “a Xunta de Galicia, nun prazo máximo de seis meses desde a publicación desta lei, elaborará as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación” – , actualmente non se dispón dun decreto que a desenvolva. A falta de decreto regulador da lei provocou e provoca unha xestión opaca e restritiva da prestación: atrasos na tramitación, falta de criterios homoxéneos, control e burocratización excesiva, etc, que redundan nun afastamento das persoas en exclusión social do sistema.
Pola súa insuficiente contía, pola excesiva burocracia, pola falta de desenvolvemento dos tramos de inserción e transición ao emprego ou polos criterios restritivos na concesión da RISGA, esta renda amósase como unha ferramenta que non garante a inclusión social.

Por todo o anteriormente exposto propoñemos á Corporación Municipal a aprobación do seguinte acordo:

Instar á Xunta de Galicia a:

1. Elevar en 2018 a dotación da RISGA, co obxectivo de igualala, canto menos, á media do conxunto do Estado.

2. Impulsar, antes do remate do ano 2018, a publicación do Decreto que desenvolva a Lei 10/2013, de 27 de novembro, de Inclusión Social de Galicia, de xeito dialogado cos sindicatos e coas asociacións e entidades que traballan sobre a pobreza e exclusión social.

3. Regular, no devandito decreto, os tramos de inserción e transición ao emprego.

4. Aumentar os Orzamentos da Consellería de Política Social en 2018 para garantir orzamento suficiente para o desenvolvemento da Lei de Inclusión Social.

Exit mobile version