Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde reclama a área sanitaria integral de xestión da Mariña. Alfredo Llano cualifica o cambio de nome do hospital da costa como un lavado de cara

Burela, 12 de maio de 2017. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, volve reclamar a área sanitaria integral de xestión da Mariña e que o hospital recupere a súa autonomía. O rexedor burelés cualifica de “lavado de cara” o cambio de nome do centro e considera que debería contar con servizos totalmente públicos dotados de persoal e medios. Deste xeito se referiu á proposta do PP no Parlamento de Galicia para cambiar a denominación do Hospital da Costa.

Alfredo Llano declarou: “parece como si se quixera demostrar que o hospital é público cando realmente desde un tempo a esta parte o que se conseguiu foi privatizar moitos servizos que agora mesmo xa non son públicos, senón que están en mans privadas. É para sospeitar un pouco o do público porque nunca se puxo nese hospital onde se definira que era público”.

O rexedor lembrou que “levamos moito tempo reclamando a área integral propia da Mariña para recuperar a autonomía do Hospital de Burela. Se realmente querían facer algo importante, que chamara a atención e que estivéramos todo o mundo de acordo, había que recuperar esa área sanitaria propia da Mariña e que lle deran a autonomía que se merece un centro hospitalario con carácter de xeral máis que de comarcal. Entón si estaríamos contentos e satisfeitos de que ese hospital fose o que ten que ser”.

Para o alcalde burelés “poñerlle soamente o nome da Mariña, de todos os pobos da Mariña, me parece que é algo que queren destacar cando o importante é o fondo non a forma. Darlle carácter público e universal a todos os servizos que se prestan aí pero ao mesmo tempo ben dotado. Pero que sexa todo público e non parte privatizado e parte non”.

Alfredo Llano engadiu que “foi unha oportunidade na que tiñan que ter demostrado máis interese en facer un bo centro cuns servizos totais públicos, ben dotados, con persoal e cos servizos que agora mesmo se necesitan na comarca da Mariña onde somos moitos os usuarios. Aí podían ter a oportunidade de quedar ben, non soamente facerlle un lavado de cara e cambiarlle soamente o nome, e ademais coa sospeita de que teñen que poñerlle público cando se considera que iso xa é obvio, debera ser obvio”.

Exit mobile version