Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz solicita a retirada das antenas de telefonía móbil do Colexio nº 1

Foz, 12 de maio de 2017. O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego vai rexistrar una moción para o seu debate no Pleno da Corporación de Foz na que solicita que o Concello de Foz certifique se as antenas situadas no inmóbel anexo ao Colexio nº 1 seguen operando, incoe procedemento para proceder á súa retirada e, no caso de que se solicite licenza de actividade, non autorice o funcionamento atendendo a criterios sanitarios, ambientais e urbanísticos.

Na pasada sesión plenaria o Alcalde de Foz, ante unha pregunta formulada polo BNG sobre os motivos da desaparición das antenas situadas no complexo de telefonía colindante co Colexio nº 1, afirmou que estas foron retiradas pola propia empresa para a súa renovación e posterior substitución por outras máis modernas, con tecnoloxía 4G. A este respecto Lorena Seivane e Teresa Rego “queremos lembrar que en 2002 o Concello de Foz procedeu a suspender cautelarmente as emisións destas antenas, decisión que se veu confirmada en 2003 por un auto da Sala de Contencioso da Audiencia de Lugo e ratificado en sentencia firme por unha resolución da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza na que declaraba ilegal o complexo de telefonía móbil por operar sen a preceptiva licenza de actividade”. Na mesma liña é preciso sinalar que a día de hoxe non temos coñecemento de que Movistar teña solicitado a autorización necesaria para emitir, polo que desde o Concello débese proceder a impedir o seu funcionamento.

O BNG ten serias dúbidas de que estas antenas de telefonía non estiveran funcionando após 2006, nun caso claro de desacato a unha resolución xudicial que prohibía de xeito expreso esta actividade. As concelleiras nacionalistas indican que ao longo desta lexislatura temos preguntado de xeito reiterado en diversas sesións plenarias ao Alcalde de Foz se as antenas seguían emitindo, contestando pola súa parte que descoñecía se estas funcionaban ou non. “O alcalde de Foz ten a obriga de coñecer estes feitos”, sinalan Teresa Rego e Lorena Seivane, que consideran “as declaracións do Sr. Castiñeira como unha escusa para evitar aclarar a verdade sobre estes feitos e mesmo tentar agochar información de cara a eludir as súas responsabilidades políticas ou mesmo xudiciais. É hora de saír de dúbidas, por iso solicitamos que desde o grupo de goberno se certifique se as antenas situadas no inmóbel anexo ao Colexio nº 1 seguen funcionando ou non”.

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego quere deixar clara a súa oposición ao funcionamento dun complexo de telefonía móbil nas proximidades dun centro educativo, como recomendan diferentes convenios internacionais, a Organización Mundial da Saúde ou a propia lexislación española, que no seu Real Decreto 1066/2001 recomenda a minimización dos niveis de emisión cando existan centros considerados sensíbeis (entre eles centros de educación infantil e primaria, xeriátricos…) nas proximidades das estacións de radiocomunicacións. As nacionalistas entendemos que hai razóns de carácter sanitario, medioambientental e urbanístico que desaconsellan o funcionamento deste complexo de telefonía móbil a carón do colexio nº 1, polo que solicitamos que o Concello inicie o procedemento para a retirada destas antenas.

Exit mobile version