Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG exixe ao Sr. Llano unha solución aos afectados pola nova sinalización de Arcadio Pardiñas e critica ó PP por querer apropiarse dunha iniciativa popular

Burela, 31 de Maio de 2017. No pleno ordinario celebrado en Burela este martes, no que se tratou a “reformulación da sinalización da Avdenida Arcadio Pardiñas”, o Grupo Municipal nacionalista exixiu ao Sr. Alcalde que se negocie por parte do Concello unha solución cos comerciantes e veciñanza afectada polos cambios efectuados nas marcas viais en Arcadio Pardiñas. “Entedemos o descontento e o malestar provocado pola nova sinalización horizontal, porque a obra executada non se corresponde co proxecto inicial elaborado pola oficina técnica municipal”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Mario Pillado. “O Sr. Llano debe aclarar por que se actuou primando un informe da policía local sen ter en conta o proxecto elaborado polos técnicos municipais. O que ten que facer o Sr. Alcalde é dar explicacións e buscar unha solución que satisfaga aos afectados”, dixo Pillado

O BNG tamén criticou ao PSOE por non dar maior celeridade á verificación das sinaturas presentadas pola plataforma de afectados e lamenta que fose o PP o encargado de presentar a moción coas propostas da plataforma, apropiándose dunha iniciativa popular para o seu beneficio partidiario. “Nós entendemos que debe ser a veciñanza afectada a que rexistre as súas iniciativas e tamén a que expoña directamente as súas propias demandas. Non críamos conveniente que o grupo do BNG presentase unha moción e por iso propuxemos cederlles a palabra na nosa quenda de intervencións no apartado de rogos e preguntas” comentou Pillado.

O BNG demanda un Plan Integral de Mobilidade.

A formación nacionalista mostrouse moi escéptica desde o primeiro momento en relación ás obras de reposición do pavimento e marcas viais aprobadas polo equipo de goberno do PSOE por valor de preto de 100.000€, con cargo ao Plan Único da Deputación Provincial. En palabras do portavoz do BNG, “estas obras atenden máis a unha operación estética coa que se quixo facer un lavado de cara en zonas moi concretas da vila, maquillando as carencias que aínda existen noutros barrios do concello”. Desde BNG cuestionaron a falta de planificación por parte do Goberno Municipal do PSOE. “Non entendemos como se están a repoñer baldosas en determinadas zonas da vila, cando aínda quedan rúas sen beirarrúas ou numerosos pasos de peóns que non contan con bordos rebaixados, ou como se deixa sen asfaltar a zona do Correo Vello, co tramo mais maltratado da Avenida Arcadio Pardiñas”, lembrou Pillado.

O Grupo Municipal do BNG demandou a aprobación dun Plan Integral de Mobilidade e seguridade viaria por parte do Concello. Para a formación nacionalista, Burela precisa dun proxecto serio e de futuro, pensado para toda a veciñanza e que dea prioridade ás persoas. “O Sr. Alcalde non pode dedicarse a ir anunciando ao chou actuacións que afectan a todos os veciños e veciñas de Burela. O que hai que facer é un estudo das necesidades da vila e a partir de aí presentar un plan elaborado por técnicos especializados que contemple a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida, a seguridade viaria e a humanización da nosa vila, procurando a peonalización e a creación de espazos libres de tráfico”, concluíu Pillado.

Exit mobile version