Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG urxe ao Alcalde de Foz a que garanta o mantemento das liñas de transporte público por estrada

Foz, 19 de maio de 2017. O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar una iniciativa onde solicita do grupo de goberno que garanta o mantemento das liñas de transporte público por estrada, cuxa supresión anunciou na pasada semana a Xunta de Galiza.

O novo mapa de trasporte público por estrada que fixo público o goberno galego é claramente lesivo para o conxunto dos intereses dos veciños de Foz, xa que representa a eliminación dalgunhas das liñas de autobús máis utilizadas polos focegos. Algunhas destas rotas suprimidas son a de Foz a Lugo por Mondoñedo e Vilalba, a de Foz a Coruña por Vilalba e Guitiriz ou a de Ribadeo a Viveiro por Foz, que implica a eliminación da liña que conecta o noso Concello co Hospital da Costa. A afección das mesmas implica que Foz fique desconectada dalgúns dos destinos máis utilizados e que afectan de xeito máis decisivo a algúns dos colectivos máis vulnerábeis como son os estudantes, que maioritariamente utilizan as liñas a Lugo e a Coruña, ou os maiores no caso do Hospital da Costa.

As concelleiras nacionalistas Lorena Seivane e Teresa Rego indicaron que “non é de recibo que a Xunta de Galiza non arbitre ningunha alternativa para garantir a continuidade das liñas de transporte interurbano, xa que o goberno galego dispón de resortes suficientes para obrigar ás empresas de transporte beneficiarias en réxime de concesión a que continúen co servizo. Neste sentido debemos lembrar que o fallo xudicial que provoca esta decisión é resultado dunha resolución xudicial provocado por unha prórroga no servizo concedida polo goberno galego, institución que financia de xeito considerábel a estas empresas pola vía do trasporte escolar, do que tamén son beneficiarias”.

Lorena Seivane e Teresa Rego denunciaron “a irresponsabilidade do Concello de Foz ao desentenderse do mantemento do servizo, do que é un exemplo claro a negativa do mesmo a colaborar economicamente na súa continuidade. A este respecto queremos lembrar que a Xunta de Galiza se dirixiu á totalidade dos concellos galegos para coñecer a súa dispoñibilidade en colaborar coa súa continuidade, sendo só os Concellos de Trabada e o do Valadouro os que se comprometeron a axudar financeiramente. Non debemos esquecer que estamos a falar dun servizo público e polo tanto non suxeito aos mecanismos de mercado, ben no seu réxime de titularidade que é concesional ben na súa función social que é a de garantir a posibilidade de desprazarse por parte da cidadanía alén da súa situación económica”.

O Grupo Municipal Nacionalista do Concello de Foz destacou “o prexuízo desta decisión para os veciños de Foz e para o conxunto dos veciños da Mariña. Primeiramente polo golpe económico que isto representa para os cidadáns, xa que moitos deles se verán obrigados a desprazarse principalmente en taxi, sendo os usuarios do trasporte público maiormente persoas maiores, que están vendo como o poder adquisitivo das súas pensións se viu minguado nos últimos anos pola política do Estado. Nun segundo lugar porque agrava o desequilibrio territorial, afondando no papel periférico que Foz e A Mariña desempeñan no conxunto galego e alonxando a nosa comarca dos diversos destinos, na dupla perspectiva de dificultar o noso aceso a eles pero tamén de alonxar a zona dalgunhas das áreas que xeran, por exemplo, parte das remesas turísticas. E por último porque significa apostar por un modelo de transporte menos sostíbel e seguro, como é o vehículo particular, fronte ao transporte colectivo, opción que priman e priorizan todas as sociedades desenvolvidas”.

Exit mobile version