Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela agarda que neste ano se proceda á limpeza do terreo no que se ubicará a nova EDAR

Burela, 22 de maio de 2017.O Concello segue a dar os pasos para a posta en funcionamento o antes posible da nova EDAR. O rexedor burelés, Alfredo Llano, agarda que este ano se proceda á limpeza do terreo no que se levantará esa instalación.

O rexedor asegurou que “é unha preocupación grande para o noso concello dispoñer dunha boa EDAR, dunha boa estación depuradora de augas residuais. Agora mesmo temos unha que está fundamentalmente baseada en procedementos químicos e vemos que non funciona nin moito menos como debera funcionar por diversas razóns”.

Alfredo Llano manifestou que “estamos en marcha cunha nova depuradora e xa estamos en contacto con Augas de Galicia para ver cómo se vai desenvolvendo e collendo forma o proxecto definitivo desta nova EDAR. Vai ser localizada nas instalacións do porto, xa estamos tamén en contacto con Portos e Costas. O fin é procurar ter unha EDAR que vai estar baseada en procedementos biolóxicos, que vai ser moito mellor en cuestións de mantemento e funcionamento, e vai depurar moito mellor”.

O alcalde dixo que “agora mesmo apúranos o tema porque queremos ter xa en boa disposición o tratamento das augas residuais que produce Burela. Hai que ter en conta tamén que o novo deseño desta nova EDAR corresponde a unha poboación moito máis grande da que hai agora en Burela, está prevista para arredor de 15.000 habitantes e iso é sempre moi bo porque garante que vai haber un bo tratamento”.

O rexedor burelés engadiu que “calculamos que este ano se van dar algúns pasos como pode ser a limpeza do solar onde se vai localizar, e preparando as novas tecnoloxías que son fundamentais para un bo mantemento. Despois hai que facer os cálculos para que unha vez montada dea o menor gasto posible funcionando da mellor maneira. Están os técnicos traballando procurando ter unhas instalacións acorde coas necesidades, pero que tamén no futuro sexan fáciles de manter e teñan un bo proceso para garantir unha boa calidade de tratamento”.

Escrito á conselleira de Infraestruturas
O alcalde e tamén presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, manifestou respecto ao futuro do tren na comarca que “hai moitos proxectos para esta liña. Nosoutros queremos aproveitala e toda a comarca da Mariña ten que aproveitala para o seu desenvolvemento integral, e sobre todo pensando en movemento de pasaxeiros e mercadorías, e tamén aproveitalo para promocionar a comarca turísticamente”.
Alfredo Llano lembrou que “ultimamente houbo unha serie de reunións con representantes de diversos concellos por onde pasa o tren pola provincia da Coruña, pero sen embargo da comarca da Mariña, que é unha zona moi afectada, non puidemos participar e non sabemos moi ben as razóns, nesas reunións que se estiveron facendo coa titular da Consellería de Infraestruturas”.

Llano contou que “fixemos unha petición formal que xa se enviou á Consellería para que nos teñan en conta. Hoxe mandei esa carta como alcalde de Burela, pero tamén pola comarca da Mariña como presidente da Mancomunidade. Nesa carta o que se fai é unha solicitude formal para poder participar en todas as reunións que se fagan con respecto a todo o que afecta e á problemática que está tendo agora mesmo o tren na nosa comarca. Como consideramos que é algo que debe seguir aí e que se melloren todos os servizos, queremos aportar e estar nesas reunións, que creo que son importantes para decidir o futuro do tren na nosa comarca”.

Exit mobile version