Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela rematou xa as obras pendentes da nova escola infantil, que comezará a funcionar en setembro

Burela, 20 de maio de 2017. O Concello rematou xa as obras pendentes da nova escola infantil, que abrirá as súas portas en setembro. Pendentes quedan algunhas cuestións por parte do Consorcio de Benestar. O alcalde, Alfredo Llano, agarda que todo estea listo o 31 de xullo.

O rexedor contou que “hai unha serie de obras da escola infantil que lle correspondía facer ao Concello. Foron consensuadas co Consorcio de Benestar de forma clara e concreta, pois en base ás responsabilidades que corresponden a cada institución organizámonos para que unha parte das obras as faga o Consorcio e a outra o Concello”.

Alfredo Llano subliñou que “o Concello xa ten rematadas completamente as obras que lle correspondían, pois a última que se fixo foi a canalización da electricidade para darlle fluído eléctrico á escola infantil. Tamén está xa instalada a alarma para que o centro teña seguridade e que non haxa problemas no futuro. Así xa pode vir todo o mobiliario que fai falta para dotar a escola infantil con todos os medios necesarios”.

O alcalde burelés engadiu que “agora faltan por rematar as obras que lle corresponde executar ao Consorcio e xa falamos cos seus responsables e esperamos que non tarden moito porque falta moi pouco para ter lista unha eliminación de barreiras arquitectónicas, colocando unha rampla para que poida baixar unha cadeira de rodas e se hai algún accidente que se poida acceder facilmente. Tamén hai que completar o peche de todo o recinto da escola infantil, que será unha parede que vai quedar bonita enfronte mesmo do centro. É unha obra que o Consorcio parece ser que a vai facer o antes posible”.

Alfredo Llano teno claro: “a instalación vaise abrir en setembro, xa se iniciou o prazo para apuntarse e vese que hai bastante demanda para cubrir todas as prazas da nova escola infantil e incluso haberá lista de espera”.

O rexedor manifestou: “queremos telo preparado para o 31 de xullo como máximo, con todas as dotacións e co persoal seleccionado, para que en setembro poida comezar a funcionar a nova escola infantil. Queremos que sexa así para que non haxa improvisacións pouco antes de comezar o curso”.

Suspensión do xantar oficial das festas
Por outra banda, o rexedor lembrou que “todos os anos nas festas desde hai bastante tempo había un xantar oficial, que era o domingo principal dos festexos. Invitábase a moitas autoridades, normalmente viña un buque de protección dos nosos barcos na costeira do bonito e polo tanto había unha xustificación pola cal se debía facer ese xantar oficial. Pero ultimamente, sobre todo o ano pasado, non había unha xustificación para facer ese xantar oficial e fomos poucos, porque antes estaba a tripulación do Chilreu e doutros barcos que convivían con nosoutros os días da festa e había máis participación de xente que viña de fóra relacionada co noso pobo e coa pesca. Pero como isto foi decrecendo xa non existe esa motivación e polo tanto este ano vamos prescindir desa comida oficial. Xa falei co patrón maior da confraría e estamos de acordo en non facer este ano ese xantar oficial porque non hai unha razón clara e xustificada para facelo. E, por outro lado, tamén é beneficioso para todas as persoas que viñan xantar porque así teñen a posibilidade de convivir ese día coa familia e participar na festa de Burela como uns veciños máis”.

Alfredo Llano remata sinalando que “isto non quere dicir que nun futuro non se teña que retomar ese xantar oficial, pero este ano non o haberá”.

Exit mobile version