Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo celebra este xoves ás 20:00 horas o seu pleno ordinario

Cervo, 24 de maio de 2017.- O Concello de Cervo celebra mañá xoves o seu pleno ordinario, ás 20:00 horas.

Entre os puntos da orde do día, destaca subscribir a Declaración de Sevilla: o Compromiso das Cidades pola Economía Circular.

Neste senso, o alcalde de Cervo recordou que “o pasado 15 de marzo celebrouse na capital andaluza unha xornada sobre Economía Circular, organizada pola FEMP, na que tiven a oportunidade de participar como Presidente da Comisión de Medio Ambiente deste organismo. Nesta xornada aprobouse esa Declaración de Sevilla, que responde a un paquete de iniciativas que a Comisión Europea e o Parlamento Europeo xa aprobaron para desenvolver un novo modelo económico que peche o círculo de deseño, a produción, o consumo e a xestión de residuos, para favorecer a transformación cara unha Europa ecolóxica, circular e competitiva”.

Neste senso a Declaración de Sevilla resalta o importante papel que debemos desempeñar tamén dende os pobos e as cidades na implantación do novo modelo que representa a economía circular, baseada na revalorización dos residuos, na preservación dos recursos, tendendo cara ao verquido cero.

A declaración de Sevilla sustentase sobre 10 piares fundamentais; entre eles: o de promover un modelo de desenvolvemento urbano sustentable, incrementando os nosos esforzos por reducir os impactos ambientais, climáticos e sobre a saúde, desevolvendo estratexias globais en favor da economía circular que favorezan o verquido cero, a reciclaxe, a redución de desperdicios, o fomento da reutilización; mellorando a concienciación, a sensibilización e a participación dos nosos veiños e veciñas nas accións de impulso dunha economía circular, convertíndoos en usuarios responsables.

Agardo pois -engadiu o rexedor- o compromiso de toda a Corporación e que refrenden esta iniciativa que vai en consonancia coa política medio ambiental sobre a que levamos xa tempo traballando, e na que incidimos na concienciación e no respecto ambiental, para poder deixarlles ás novas xeracións un mundo mellor.

Exit mobile version