Deste xeito, Méndez, e o reponsable do CD San Ciprián, Pablo Ojea, presentaron os dípticos informativos que se editaron con ampla información turística dos diferentes recunchos que agocha o municipio “co fin de que aquelas persoas que asistan como público a esta competición de primeira orde, tamén aproveiten o día para visitar o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, a fábrica, as nosas praias, o Faro, en fin todo canto Cervo lles pode ofrecer”.
Ademais, grazas ao traballo incansable dos voluntarios, que levan moitos meses volcados totalmente na organización do campionato, tamén se concertaron excursións a lugares emblemáticos do municipio, para os alumnos de varios colexios da provincia que se desprazarán a Cervo durantes eses días de competición.
Méndez recordou que “dende o primeiro intre dende o Concello de Cervo, se apostou decididamente por este campionato, porque cremos na importancia de fomentar e visibilizar a actividade deportiva no seu conxunto, pero tamén somos conscientes da innegable proxección turística que supón un evento desta magnitude para a nosa zona”.
“Convidamos pois, tanto dende o Concello de Cervo, como dende o CD San Ciprián a todo o mundo a que asista dende o domingo ao Pavillón da Veiga, onde poderán gozar do xogo das mellores promesas do baloncesto feminino, e tamén os convidamos, como non, a coñecer Cervo e os seus atractivos”.