Foi un acto ao que asistiron representantes de diferentes asociacións do Concello, e os membros da Corporación.
Tal e como explicou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares “o que pretendemos é amosarlle aos nosos veciños unha plataforma que foi totalmente renovada e animalos a que naveguen e a que fagan uso dela, porque é un servizo pensado para eles, unha canle de comunicación directa e permanente cos veciños, aos que convidamos a que sexan partícipes e nos fagan chegar tamén as súas suxerencias, ideas e opinións”.
Ademais -engadiu o rexedor- “esta páxina pretende ser un escaparate de todo canto acontece no noso municipio, e para elo aproveitamos todas as posibilidades que nos ofrece a internet, especialmente a inmediatez, actualizando constantemente contidos e informacións relativas ao Concello e a todas as actividades culturais, de servizos sociais, deportivas, lúdicas…que se programen, co obxectivo de que os cervenses estean permanentemente informados”.
Pero tamén concibimos esta páxina como a carta de presentación do Concello, unha ventá aberta de Cervo ao mundo coa que poder chegar a calquera recuncho, e seducir ao visitante, para que se sinta atraído por todo o que podemos ofrecerlle, e nos veña visitar.
A páxina aséntase sobre catro piares fundamentais: a accesibilidade, a imaxe, o servizo á cidadanía e o turismo.
Deste xeito, a través do dominio www.concellodecervo.com, calquera persoa pode navegar de xeito sinxelo pola páxina, e, a través de diferentes atallos, acceder á sección que interese nese caso. Ademais é unha páxina con moito contido e información de todas as parroquias, monumentos, atractivos, información de servizo..pero que apoiamos moitísimo na imaxe, na fotografía, que ten un papel moi destacado.
É unha páxina baseada na transparencia, que pretende ser unha ferramenta útil para os cervenses, que poden acceder directamente a un enlace á sede electrónica, que os conduce ao taboleiro de anuncios, e poden descargar certa documentación e facer trámites dende as súas casas; ademais de realizar un seguemento diario de toda a actividade do Concello, que como xa se dixo, se actualizará a diario.
E un apartado importante é o destinado ao turismo, no que dun xeito intuitivo se lle ofrece ao visitante a información máis importante: onde durmir, onde comer, como chegar, que ver; con servizo de mapa GPS, e toda a información de relevancia.
A páxina pretende ser dinámica; e para elo creouse o apartado específico “un click”, que permite acceder cun só golpe de rato, aos apartados e seccións que consideramos máis importantes: como son a sede electrónica, as praias, as festas ou a galería fotográfica.
De feito, outra novidade desta páxina, e que os veciños poden acceder a unha galería de fotos completa, na que se publicarán todas a instantáneas por eventos, e que dende os seus fogares poderán descargar facilmente.
O concello de Cervo conta ademais con páxinas de facebook, twitter e canle Youtube, todos en conxunto conforman unha rede de comunicación completa, que se actualiza contantemente ao servizo dos cervenses.