Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo reforza o dispositivo de limpeza de praias coa chegada do periodo estival

250517 acondicionamento praiasCervo, 25 de maio de 2017.- O Concello de Cervo vén de reforzar o dispositivo de limpeza das praias do municipio ante a proximidade dos períodos vacacionais que se aproximan.

O alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, desprazáronse esta mañá ata a praia da Caosa, en San Ciprián, onde supervisaron os traballos de acondicionamento que se están a acometer estes días nas praias do municipio.

Segundo sinalou Villares “consideramos que agora é o momento idóneo para levar a cabo esta actuación dun xeito integral, facéndoa coincidir coa chegada do bo tempo pola proximidade do período estival, unha época perfecta para que veciños e visitantes pasen máis tempo ao aire libre e poidan gozar dunhas praias na mellor das condicións, que son ademais dos principais atractivos turísticos do noso Concello”.

Villares puntualizou que “ademais dos traballos de limpeza e adecuación da area, tamén se están a facer tarefas de mantemento, como son as melloras nalgúns dos accesos ás praias”.

O rexedor recordou que son traballos que se fan periodicamente ao longo de todo o ano, de feito, “no inverno e tras os temporais, os operarios municipais xa foron retirando o lixo que se foi acumulando nos areais, uns traballos que loxicamente agora, pola época do ano na que estamos, intensificamos”.
O dispositivo foi planificado para actuar en todas as praias do Concello: O Torno, Cubelas, A Caosa, Rueta, e a da zona do Muelle.

Exit mobile version