Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo e a Xunta repararán a ponte de pedra de Viloalle dado o seu gran valor histórico

ponte viloalleMondoñedo 27 de maio de 2017.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, anunciou esta mañá que a ponte de pedra sobre o río Masma, localizada na parroquia de Viloalle, será arranxada grazas a colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia.

A rexedora local explica que esta histórica infraestrutura necesita dunha intervención “que permita manter no mellor estado posible a súa estrutura, dado o deterioro que foi sufrindo co paso do tempo”. En concreto, Candia precisa que se actuará sobre as pedras rotas que presenta a construción co obxecto de “garantir a consolidación da estrutura”.

O Concello de Mondoñedo xa actuou o pasado ano na contorna da ponte de pedra coa finalidade de poñer en valor esta localización. Así, a alcaldesa lembra que daquela realizáronse labores de limpeza e desbroce nas dúas marxes da estrutura construíndo na zona, incluso, un banco de descanso para os pescadores.

As actuacións que acometerá agora o Goberno local, coa implicación da Xunta de Galicia, para acondicionar e arranxar unha ponte que presenta deterioros e perdas, suporá un investimento duns 15.000 euros.

A alcaldesa explica que se trata dunha demanda dos veciños da localidade dada a historia e a importancia desta infraestrutura de pedra. “Estamos ante un ben patrimonial, que debemos coidar e manter, e incluso convertelo nun recurso turístico, evitando tanto a súa degradación como a da súa contorna”.

Ademais, Candia non só pon en valor o aspecto patrimonial deste ben, senón que tamén destaca que “estamos ante unha ponte que segue a prestar un importante servizo aos seus veciños, que a empregan para cruzar a rúa evitando deste xeito usar a estrada pola que circulan os vehículos e sorteando tamén unha considerable curva”.

Por último, a alcaldesa precisa que a posta en valor da ponte de Viloalle é unha demanda dos veciños da localidade dada a historia e importancia desta infraestrutura de pedra, que data de novembro de 1758. “Traballamos para mantela nas mellores condicións e traballaremos para que as súas inmediacións permanezan limpas e coidadas”, conclúe.

Exit mobile version