A rexedora explica que o seu equipo de Goberno vén de tomar esta determinación coa idea de optimizar as infraestruturas; en concreto, as pistas de acceso a fincas da A8 que xa están abertas, así como aquelas expropiadas que teñan a dimensión e ubicación axeitada para este tipo de actuación.
Candia indica que a ladeira do monte Padornelo á altura do barrio de Monfadal “presenta unhas vistas inigualables de todo o val”. A maiores, permite comunicarse co recurso estrela natural da localidade: a Cova do Rei Cintolo, en Argomoso, con pistas que poden ser comunicadas sen ter que facer un grande investimento.
Así, o Goberno local iniciará a solicitude dos terreos ao Ministerio de Fomento ao tempo que encargará o proxecto para a posta en valor desta zona, que incluirá a sinalización e a colocación do mobiliario axeitado. A rexedora remarca ademais que este novo enclave de interese turístico e paisaxístico se atopa a un quilómetro da saída da autovía A-8, o que ofrece novas posibilidades turísticas para os visitantes.