Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo presenta tres proxectos para o programa de axudas Leader da Xunta por un importe superior aos 335.400 euros

Mondoñedo, 19 de maio de 2017.- O Concello de Mondoñedo promoverá o desenvolvemento de tres proxectos, que remitiu á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), da Xunta de Galicia, co obxecto de solicitar unha subvención para estas iniciativas a través das axudas Leader – PDR de Galicia 2014-2020. Os tres proxectos que presenta a administración municipal supoñen un investimento superior aos 335.400 euros e permiten actuacións nas áreas de servizos sociais, medio ambiente e turismo.
En concreto, o Concello de Mondoñedo solicita axuda para adquirir un furgón adaptado para transporte de persoas con discapacidade e/ou dependentes; para levar a cabo un programa para acadar unha mellor promoción e posicionamento da cidade nas redes e novas tecnoloxías, así como para instalar un punto limpo nos terreos anexos á nave municipal.

Proxectos
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explica que se trata de tres actuacións solicitadas polos veciños, “sobre as que presentamos os seus respectivos proxectos a Agader ao abeiro da medida Leader, cofinanciadas co Feader no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020”.
Dun xeito máis detallado, a rexedora precisa que o Concello pediu subvención para o proxecto ‘Mondotech. Do local ao global no século XXI’, cun orzamento de 54.450 euros (IVE incluído), o cal, segundo explica a alcaldesa, ten por obxectivo “acadar unha mellor promoción e posicionamento en redes e aproveitar as oportunidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías”.
Ademais, entre os proxectos remitidos a Agader tamén se atopa o de adquirir un furgón adaptado para o transporte de persoas con discapacidade ou dependencia. “Un proxecto que desenvolvemos pensando nos usuarios do centro de día e en situacións de persoas con necesidade ou escasos recursos”, asegura a rexedora. Esta actuación suporá un investimento de 41.140 euros (IVE incluído).
Por último, o Concello tamén busca unha subvención para o proxecto de posta en marcha dun punto limpo, que segundo informa á alcaldesa, e de recibir a axuda, “localizarase no terreo anexo á nave municipal”, feito que, engade Candia, “permitirá a súa xestión con persoal propio”. Esta actividade conta cun orzamento de 239.827,16 euros ( IVE incluído).

Exit mobile version