En concreto, a rexedora recibiu onte na Oficina de Turismo da localidade a un grupo de visitantes de once mozos e mozas que se achegaron ata o enclave natural. Entre este grupo procedente de diferentes puntos de Galicia atopábase, segundo indica Candia, a que se contabiliza como a visitante 9.000 dende que se abriron as covas ao público.
“Xisela Gómez Cid foi a visitante 9.000 mil a esta gruta”, precisa a rexedora, quen resalta de novo “o tirón que se está a demostrar que ten Rei Cintolo entre os turistas”, tanto é así que, o ano pasado, a tempada de visitas pechou cos mellores resultados dos últimos dez anos, incrementando ata nun 36% a afluencia de visitantes con respecto a 2015 e nun 54% en relación a 2014 (último ano de Goberno do bipartito). No 2016 pasaron pola cavidade localizada en Argomoso 1.191 persoas.
Forte aposta do Goberno local
Estas cifras, segundo precisa Candia, sumadas á elevada demanda nas tres quendas habilitadas en Semana Santa e ao interese que se está a dar para reservar visitas durante o verán, “avalan que a nosa aposta por este recurso está a dar moi bos resultados”.
“Estamos ante un dos principais reclamos turísticos da cidade de aí que apostemos fortemente por este recurso e seguiremos a traballar neste eido para impulsar a Cova do Rei Cintolo”, afirma a rexedora, quen lembra, por exemplo, dentro deste traballo de potenciación da cova, a construción dunha pasarela de madeira respectuosa co medio ambiente para facilitar aos turistas o paso a este enclave ou a sinatura dun convenio coa Federación Galega de Espeleoloxía que permitiu mellorar o horario e unha maior flexibilidade de acceso á Cova do Rei Cintolo.
Visitas á Cova
As visitas fanse a unha cova en estado natural propoñéndose un percorrido durante un tempo estimado de hora e cuarto, proporcionando o equipamento necesario (casco, guantes, un mono…). As visitas son sempre guiadas e en grupos reducidos, e permítese o acceso a partir dos doce anos. A información e as reservas realízanse a través da Oficina de Turismo, sendo concertadas para as fins de semana de marzo a xuño e de outubro a novembro, mentres que no verán ofértanse de mércores a domingo.