Site icon Crónica3.com A Mariña

O diario oficial de Galicia publica hoxe o primeiro plan de xestión da reserva da biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón

Santiago, 24 de maio de 2017.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe (http://bit.ly/2qfo2J6) o anuncio polo que se fai público o primeiro Plan de xestión da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, co que se pretende garantir o desenvolvemento económico sostible das comarcas integradas.

Cómpre recordar que este plan que foi aprobado durante a reunión anual da Comisión de coordinación institucional da Reserva celebrada en abril no concello lucense de Baleira e está baseado en 11 liñas estratéxicas de acción, coas que se pretende harmonizar a conservación co aproveitamento económico dos recursos naturais da zona.

Estas medidas poranse en marcha, en Galicia, en sete concellos da provincia de Lugo: Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, A Pontenova, Ribadeo, Ribeira de Piquín e Trabada; integrados nesta reserva interautonómica que abrangue unha superficie próxima ás 160.000 hectáreas entre Galicia e Asturias.

Este plan que contempla un total de 26 actuacións específicas para promover o desenvolvemento sostible das actividades agrogandeiras, forestais, piscícolas, marisqueiras e empresariais, así como fomentar o turismo de calidade e a artesanía local. Deste xeito, facilitase o desenvolvemento rural e a mellora  das condicións de vida das comunidades locais e potenciaranse as actividades manufactureiras e artesanais, como tamén a posta en valor de produtos de calidade e representativos da zona.

Así, este plan xestor é a folla de ruta que de agora en diante harmonizará o actividade económica cos traballos de mantemento e restauración do estado de conservación dos hábitats naturais baseados, fundamentalmente, na erradicación e mitigacións das especiais exóticas de carácter invasor, pero tamén en medidas para favorecer a adaptación e a redución dos efectos do cambio climático e preservar as unidades paisaxísticas e os agrosistemas tradicionais.

Igualmente, este plan xestor contempla accións para a protección e posta en valor dos recursos etnográficos, culturais e patrimoniais sen esquecer o importante labor que desenvolven os órganos xestores das reservas da biosfera en canto á investigación e á educación medioambiental.

Cómpre salientar que este plan de xestión da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón tamén contempla a cooperación e intercambio con outras reservas coa finalidade de sumar esforzos, compartir o coñecemento e buscar sinerxías que contribúan a unha xestión  eficaz e eficiente das unidades de conservación.

 

 

Exit mobile version