Site icon Crónica3.com A Mariña

O GMP esixe que se retiren ligazóns de actividades privadas do facebook da Delegación de Cultura de Burela

Burela, a 19 de maio de 2017.- O Grupo Municipal Popular (GMP) do Concello de Burela solicita que “inmediatamente se retire da páxina oficial en facebook da Delegación de Cultura do Concello de Burela unha ligazón que remite a unha actividade privada de campamentos de verán ubicada no Principado de Asturias, que non garda ningunha vinculación co Concello, e na que se promocionan actividades polas que evidentemente se cobra. Ligazón que está incorporada desde o pasado día 15 ás 11:10, e que a día de hoxe segue subida ó muro desa páxina”.

Os populares indican que “alomenos hai outra ligazón a outra actividade tamén de carácter privado e adicada a campamentos, incorporada o 25 de abril. Nos dous casos, non teñen nada que ver con ningunha administración pública, son actividades promovidas por entidades privadas, de fóra do noso concello, e que polo tanto entendemos que non teñen cabida nunha páxina oficial nas redes sociáis”.

Desde o GMP entenden que “o concelleiro delegado tén que explicar o porqué da presencia desas ligazóns nesa páxina de Facebook, se existe algún tipo de contraprestación por parte das empresas promotoras das actividades para os veciños de Burela, ou se pagan porque se lles incorporen as ligazóns. Debe explicar se esas empresas colaboran económicamente coa Delegación de Cultura ou co Concello, e así fose explicar os conceptos polo que o fan, porque de outro xeito non se entende a súa presencia na indicada páxina. Como estamos seguros que tampouco serán amigos seus, as explicacións deben ser inmediatas e mui clariñas”.

O GMP considera que “o concelleiro delegado, tan espabilado para outras cousas, debería ter máis cuidado á hora de incorporar ligazóns ó facebook oficial da súa delegación; porque supoñemos que é el, ou personal do concello, quen leva tal páxina. Non se crea o concelleiro que a súa delegación e as páxinas oficiáis son unha finca privada”.

Exit mobile version