Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación dota aos deportistas de Burela de novos vestiarios no campo da Marosa

DEPUTACIÓN-VESTIARIOS A MAROSA BURELALugo, 25 de maio de 2017. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, o Alcalde de Burela, Alfredo LLano García, xunto con membros da corporación municipal desta localidade, inauguraron este xoves os vestiarios do campo de fútbol da Marosa. Esta infraestrutura que foi financiada na súa totalidade polo organismo provincial, contou cun investimento de 100.000 euros.

García Bermúdez avanzou que con este novo equipamento os veciños de Burela ven cumprida unha das súas demandas. “Esta nova dotación responde a unha petición da Sociedade Deportiva de Burela e de todos os seus integrantes, e hoxe estamos aquí para cumprir coa palabra dada. O pobo de Burela conta dende hoxe cuns novos vestiarios que contribuirán a seguir incentivando a práctica deportiva nesta localidade”.

Alfredo Llano agradeceu o compromiso da Deputación cos veciños de Burela. “Fai uns días aquí, neste mesmo campo, recibiamos a visita do Presidente da Deputación, Darío Campos onde anunciou un investimento de 800.000 euros para dotacións públicas municipais; e hoxe volvemos a falar de investimentos coa inauguración deste novo equipamento deportivo. Todos os deportistas de Burela están de noraboa, ademais neste campo adestran todas as categorías do fútbol burelense, dende os máis pequenos, os prebenxamíns ata os xuvenís, un total de 170 deportistas. Polo tanto respondemos a unha necesidade básica que beneficia a todos os que veñen a adestrar a este campo de fútbol”.

Dinamización Social
O Goberno da Deputación xa achegou un total de 210.000 euros para a dinamización social de Burela, contribuíndo de xeito decisivo á actividade que desempeñan os colectivos de toda índole deste Concello, pois nesta partida inclúense as axudas a colectivos culturais e deportivos para o desempeño das súas actividades. Concretamente para o Club Deportivo Burela, que é o único club de España con equipo masculino e feminino en 1ª División de Fútbol Sala. Tamén promoveu outro tipo de eventos deportivos como a Liga Galega Traíñas, a promoción do Fútbol Sala coa Fundación Imdecum, ou ao Clube Baloncesto Burela .

Exit mobile version