O Presidente e o Alcalde, acompañados de veciños da zona, supervisaron as melloras executadas nos accesos a 10 núcleos rurais das parroquias de Ourol, Merille e Miñotos, beneficiando, directamente, aos 500 veciños que viven nas mesmas. Trátanse das localidades de Leborada, Casaldares, Lobamorta, As Corredoiras, Leonte, Curralchao, O Cachón, O Carmen, Vigo e a Bodega. O Executivo Provincial investiu 64.000 euros no arranxo do firme, con aglomerado en quente, das principais vías de comunicación destes núcleos rurais.
Campos Conde e Pajón Camba avanzaron que nas vindeiras semanas arrancarán novos traballos de mellora nos accesos viarios a 14 núcleos rurais de 7 parroquias, nas que residen 500 veciños. Para elo, o Goberno da Deputación xa achegou outros 101.263 euros. Con este orzamento, acondicionarase o firme con aglomerado en quente das estradas a Mosende e Bidueiro, na parroquia de Ourol; Vilares e O Cargadoiro, en Merille; Zarza, Vilabuin e Piedrafita, en Miñotos; Vilaverde e A Igrexa, en Xerdiz; Lombao, no Sixto; Labrada e Fornos, en Bravos; Burgás e Ribeira do Vispo, en San Pantaleón de Cabanas.
Ademais de arranxar estradas municipais, o Goberno da Deputación mellorou 5,8 quilómetros de 3 vías provinciais, que discorren por este Concello. Fíxoo con outros 30.000 euros, que se destinaron á mellora do firme da LU-P-3801, de Ourol ás Lobeiras; LU-P-3803, de Pontetorta á Cruz das Leiras, e LU-P-3809, de Merille a Bravos.
Melloras de 70.000 euros en dotacións públicas
O titular provincial e o Rexedor comprobaron o inicio dos traballos de acondicionamento da contorna e do propio pavillón polideportivo. O Goberno da Deputación achegou 37.300 euros a estas actuacións. Estas contempla a mellora con aglomerado en quente da vía de acceso a esta instalación municipal e a dotación de novas beirarrúas. No interior, acondicionarase a pista multideportiva, cunha capa de pintura acrílica.
O titular provincial e o Rexedor supervisaron o estado do centro social municipal da parroquia de Miñotos, onde nos vindeiros días se porán en marcha traballos de 27.000 euros, financiados na súa totalidade polo Goberno da Deputación, para o seu acondicionamento. Estes consistirán na dotación dunha nova cuberta para illar termicamente este local, no que 200 veciños da zona desenvolven actividades. Estas actuacións permitirán reducir a factura de luz en máis dun 10% ao ano, aforrando estes custos ao Concello.
Xunto a estes actuacións, a vindeira semana tamén arrincarán os traballos de case 6.000 euros para a mellora do sistema de canalización de augas no Consistorio de Ourol.
Atención a 47 maiores
O Goberno da Deputación atende a 47 maiores de Ourol aos que non ofrece asistencia a Xunta de Galicia. Faino con preto de 30.000 euros, que permiten o funcionamento do Servizo a Domicilio para non dependentes, que o Executivo autonómico deixou de financiar na súa totalidade en 66 Concellos da provincia; así como coa Teleasistencia gratuíta, que o organismo provincial ofrece a todas as persoas con dificultades en canto a súa autonomía, pois a Xunta só atende a aquelas catalogadas como dependentes, obrigándoos, ademais, ao copago. En Ourol, son 42 os maiores que contan co Servizo a Domicilio e 5 co de Teleasistencia.
7 novos postos de traballo
Son 7 os novos postos de traballo que xerou o Goberno Provincial en Ourol a través do DEPUEMPREGO, o seu plan de emprego nos Concellos de menos de 20.000 habitantes co que reforza as prestacións públicas municipais. Con 54.000 euros, o Executivo da Deputación asume os custos laborais de 5 peóns forestais, 1 peón de servizos múltiples e 1 electricista. Estes profesionais reforzan o servizo de conservación municipal.