Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación reforza as prestacións públicas aos veciños de Ribadeo con máis de 1 millón de euros

IMG_3795Lugo, 24 de maio 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, informou sobre as actuacións en reforzo das prestacións públicas aos veciños deste municipio, que levou o Goberno Provincial con máis de 1 millón de euros do Orzamento de 2016. Fíxoo nunha visita a este Concello da Mariña, no que supervisou algúns dos traballos que se executan con dito investimento, como as obras da residencia para maiores.

Campos Conde e Suárez Barcia supervisaron o inicio hoxe mesmo dos traballos de demolición do edificio anexo ao centro de maiores, que se vai habilitar como zona verde. O Presidente adiantou que se está a contratar o mobiliario. O conxunto destes traballos, máis os derradeiros da construción da propia residencia xa executados, están financiados con 700.000 euros da Deputación. Pois o Goberno Provincial decidiu incrementar en 500.000 euros a súa achega prevista no 2016 a esta dotación social (que era de 200.000 euros) ata dita cantidade porque a Xunta non cumpriu co seu compromiso e negouse a achegar orzamento algún a esta instalación para a 3ª idade.

O Presidente subliñou que “con esta residencia reforzamos os servizos sociais en Ribadeo, pois vai a ter capacidade para 47 maiores. Hoxe xa atendemos a 146 veciños deste municipio a través do Servizo a Domicilio para non dependentes e da Teleasistencia gratuíta, que lles prestamos dende o Goberno da Deputación porque a Xunta de Galicia non o fai”. Son 75 os veciños de Ribadeo aos que o Executivo Provincial lles financia con 20.677 euros o Servizo a Domicilio a non dependentes e 71 os que contan coa Teleasistencia gratuíta da Deputación.

Melloras nas dotacións públicas do casco urbano
Os dous mandatarios comprobaron o estado do Auditorio Municipal Hernán Naval onde o Goberno da Deputación financia con 60.000 euros a súa mellora. Estas obras, que arrancarán a vindeira semana, consisten no revestimento da cuberta, que se atopa deteriorada por humidades, así como no arranxo do sistema de calefacción. Estes traballos estarán rematados previsiblemente en agosto. Este auditorio, que ten unha capacidade de 300 persoas, é moi empregado polos veciños de Ribadeo porque, ademais das diferentes actividades lúdico-culturais que se celebran nel, emprégase como centro social.

O Executivo Provincial destinou a Ribadeo máis de 23.000 euros para a dotación de 60 novos puntos de luz de baixo consumo no alumeado público do aparcadoiro municipal e das rúas Amador Fernández, Daniel Cortezón e Pintor Fierros. Estes traballos, xa rematados, permitirán reducir a factura de luz en máis dun 10% ao ano, aforrando estes custos ao Concello.

Melloras nas prestacións públicas do rural
Campos Conde e Suárez Barcia comprobaron as melloras que o Goberno da Deputación financiou con 56.000 euros en núcleo rurais ribadense. Con este orzamento, executáronse traballos de ampliación e reforzo do encauzamento de regos en 4 núcleos rurais doutras tantas parroquias: A Madanela, en Vilaframil; Río de Ove, en Ove; Santo Tomé, en Santalla de Vilasende; e na Igrexa, en Vilaselán. Así mesmo, o Goberno da Deputación investiu máis de 34.000 euros noutras melloras no rural do municipio mariñán, que favorecen a actividade dos profesionais do sector primario. Este investimento destinouse á dotación de material de pesca, á instalación de traídas de auga ou á melloras en accesos públicos.

4 novos postos de traballo
Ademais dos investimentos anteriormente mencionados, o Goberno da Deputación destinou 46.657 euros á creación de postos de traballo directos e o reforzo dos servizos municipais, a través do DEPUEMPREGO. Trátase do plan dirixido aos municipios de menos de 20.000 habitantes mediante o cal o Executivo Provincial financia na súa totalidade os custos laborais de novos traballadores. No caso de Ribadeo, dito investimento permitiu a contratación de 4 desempregados lucenses: 1 auxiliar de apoio turístico para o albergue, 1 catalogador de documentos, 1 dinamizador sociocultural e 1 auxiliar administrativo de intervención.

Máis colaboracións
É máis de 1 millón de euros o que o Goberno da Deputación levou aos veciños de Ribadeo a través do Orzamento de 2016, pois, a maiores das actuacións citadas, o Executivo Provincial colaborou co financiamento de melloras en instalacións culturais e deportivas, así como na organización de actividades no eido cultural e deportivo.

Por exemplo, o Ribadeo Fútbol Club, que descendeu de terceira división á Preferente Autonómica, recibiu unha achega de 16.000 euros para gastos correntes durante toda a tempada. A Asociación Cultural Jazzeo 3.000 euros para a organización do V Festival de Jazz & Blues. Os veciño de Ribadeo tamén contaron con 1.300 euros para a organización da mostra de teatro afeccionado Daniel Cortezón; outros 1.500 euros para as escolas deportivas; 12.000 euros para contribuír co traballo da Asociación de Discapacitados Ponte dos Santos ou 7.000 co da Asociación de Persoas con Discapacidade da Mariña, entre outras axudas.

Exit mobile version